alia que a vaga de lumes que nos queima fai agardar polas nubes e a néboa como solución meteorolóxica, esta reflexión non vai diso. En tempos de traxedia ambiental, cruel co rural, tamén cómpre reflexionar sobre o futuro do noso idioma no universo dixital. Porque alí, na tecnoloxía do presente, o galego afronta o seu propio fume: néboa de invisibilidade no medio da nube de datos.
O avance do galego no mundo dixital aseméllase a quen entra nun centro comercial con botas de auga: hai brillo por todas partes, mais o chan esvara. A modernidade promete intelixencia artificial en cada recuncho, pero a nosa lingua fica a miúdo en modo avión, con cobertura intermitente. Existen correctores, dicionarios en liña e voces sintéticas que pronuncian con dignidade, e ata algún asistente fai que entende, como quen asente na barra dun bar sen pillar a conversa. Aínda así, a experiencia diaria lembra un elevador que para en todo sitio menos no que leva o nome da casa.
O dixital ensina que a presenza dun idioma non é só unha cuestión de botóns, senón de prestixio, hábito e rendibilidade. Alí onde o algoritmo decide, o galego aparece como un convidado sen convite impreso, tolerado pero non integrado. As grandes plataformas, con interfaces políglotas, saltan un chanzo cando chegan á nosa porta, e a escusa do descoido empeza a soar a manual de instrucións.
O máis curioso é que contido hai, e de calidade. Un simple paseo por foros, canles de vídeo e proxectos comunitarios demostra a vitalidade dun tecido que os grandes fabricantes non perciben ou prefiren ignorar, porque os números do balance trimestral levan máis garabata ca a identidade. O resultado é un ecosistema onde a innovación chega, si, pero no vagón de cola, e a creatividade local funciona a base de remendos, voluntarismo e moita chispa sen axuda institucional dabondo.
Os retos son, en esencia, de gobernanza e incentivos. O sector público pode marcar o estándar, esixindo o galego na contratación tecnolóxica e sostendo proxectos estratéxicos con visión de futuro. As empresas globais responden a métricas, polo que cómpre facer visible a demanda real e o valor da reputación de incluír a lingua sen tratala como unha simple e pintoresca excentricidade. E o sistema educativo necesita unha alfabetización dixital con enfoque lingüístico, para que a competencia técnica das novas xeracións non veña empaquetada co abandono simbólico
Cando a tecnoloxía ignora unha palabra tan nosa como «atallo», non só comete un fallo: amosa que o galego esvaece da pantalla, do altofalante e da vida dixital. O futuro será compartido se as plataformas incorporan galego con garantías, documentación, soporte e avaliación. É dereito de acceso, de alfabetización para usuarias e programadoras. A máquina imita patróns: se lle falamos, debe responder e aprender connosco, sen escusas, con orzamentos e responsabilidades públicas. Néboa na nube é metáfora da invisibilidade do galego no mundo das novas tecnoloxía e do futuro.