O 20 de marzo de 2003 os Estados Unidos invadían Irak e, en España, con sotaque texano e pes enriba da mesa con aires de grandeza, había quen cheiraba armas de destrución masiva e creía estar no lado bo da Historia. Daquela, coma sempre que se dispara unha sola bala, estivemos ante un erro histórico que camuflaba (malamente) detrás da manoseada liberdade unha cuestión de negocios, poder e dominio imperialista.
Putin é un megalómano cun exército tras de si. Non hai outra volta de velo. Non vivimos nun debate filosófico sobre se hai que formar parte da OTAN ou non, sobre se EEUU é un país imperialista e invasor ou outras cuestións das que gusta falar para manter os mesmos esquemas de debate dende hai décadas. Pode ser, incluso, que moitas desas cousas teñan moita sensatez como debate de fondo, pero non estamos nesas. Outra vez unha guerra, como outras que hai no mundo (que, por razóns non sempre gratas, parecen importar menos).
O intento de invasión rusa en Ucraína é unha intervención militar en toda regra, matando civiles e bombardeando cidades. A aberración máis profunda. Por iso é imprescindible que exista unha resposta conxunta, decidida, unánime contra a actuación dunha oligarquía rusa comandada por un dirixente que bordea con perigo calquera avaliación mínimamente honesta.
Existirán moitas perspectivas históricas e sociais, pero a realidade é que hai que apurar todas as maneiras de facer parar este horror. A institución Memorial Auchswitz diagnosticou con certeira e cirúrxica precisión o camiño: “O mundo libre e democrático ten a oportunidade de amosar se aprendeu a lección sobre a súa pasividade dos anos 30”. Nada máis que engadir.