Por que non hai pediatras?

Afirmaba recentemente a nova xerente do Sergas que a cidadanía tiña que empezar a habituarse a que non habería pediatras na maioría dos centros de saúde. Claro que si, porque a quen se lle ocorre que haxa sanitarios nun centro sanitario cando podemos ter, que sei eu, un bo taberneiro ou boas pantallas de plasma para ver o fútbol. Nada mellor para curar unha queimadura que ver a Benzema tocando balón, e para unha febre alta seguro que Iago Aspas pode ter un remedio á vez que coloca un balón na cepa do poste.


Máis alá das ocorrencias de políticos que se esforzan máis en buscar excusas que en buscar solucións, parece importante ir ao eixo nuclear das cuestións e saber por que hai problemas para ter pediatras. Tres factores son fundamentais. O primeiro está en saber, como é sabido dende finais dos 80 e primeiros dos 90, que tiñamos un problema de xubilacións nesta época de hoxe. Por que? Porque o sistema conformouse neses anos entrando un enorme volume de profesionais e, coma se fose un capricho, os pediatras cumpren un ano cada ano. Xa ven que especiais que son. E así sabemos hai 30 anos que hoxe teríamos máis da metade dos pediatras galegos a punto de xubilarse.


En segundo lugar sabemos que formar profesionais leva tempo e custe, e por tanto hai que deseñalo con tempo. Estamos hoxe pagando os recortes da última década, cando os gobernos Rajoy (España) e Feijoo (Galicia) reduciron ao 10% a taxa de reposición (por cada profesional que se xubila, só se repón 1) e non se convocaban nin 20 prazas anuais para formar pediatras. Hoxe as decisións do estado permiten que rondamos as 30 cada ano, e a taxa de reposición multiplicouse por 12.


Por último, pero moi relevante, dende hai certo tempo viuse desprestixiada a atención primaria. Cando en Galicia integrouse a primaria como dependente dos grandes hospitais ocorreu o natural, que é que o máis alonxado de onde se topan as decisións sae perxudicado. Cando os pediatras se forman en hospitais pero apenas se lles implica nos centros de saúde e cando as condicións laborais en primaria son totalmente precarias...os novos profesionais prefiren atención hospitalaria.


Xubílanse moitos, formáronse poucos e desmotívase para que os pediatras traballen en primaria. Que esperaban? Pero en política hai que decidir se asumes unha realidade sumisamente, calas e aceptas os problemas ou se traballas para resolvelos. Sobre todo os difíciles, porque para resolver cousas sinxelas hai xente de sobra. Parece que esta Xunta tirou a toalla. Triste. 

Por que non hai pediatras?

Te puede interesar