Non pedimos nada, temos dereito a todo

Non pedimos nada, temos dereito a todo

Dende a asociación Féminas en Acción estamos traballando para que as mulleres do pobo e arredores poidan darse a coñecer; elas como persoas e mais o seu traballo en prol da cultura, a igualdade e a solidaridade, a través dos medios que poñemos ao seu alcance. A nosa premisa é darlle visibilidade ao labor silenciado das mulleres, dándoas a coñecer e poñendo en valor o seu traballo, empoderándoas e facilitándolles o asociacionismo así coma o contacto con outras mulleres e homes.


A pesares de sermos unha asociación nova, pois tan so levamos dous anos de traxectoria, estamos moi fachendosas dos logros conseguidos que nos dan, aínda se cabe, máis forza para seguir loitando polos dereitos das mulleres, dos colectivos desfavorecidos, da poboación emigrante, dos nenos e nenas en condicións de maltrato, do benestar dos nosos maiores, da conservación da natureza e o medioambiente, así como do coidado dos animais. Para reivindicar todo isto e moito mais, convidámosvos á concentración que faremos neste 8M ás 19h. na Praza do Parque de Vilanova de Arousa.


Porque cada vez temos máis motivos para defender e loitar polo feminismo. O 8M é un día feminista, cheo de reivindicacións necesarias. O curioso é que loitamos por uns dereitos que nos pertencen dende o momento de nacer, e que nos foron roubando ao longo da vida, dos anos, dos séculos. As mulleres, a pesares de dar pasiños durante estes últimos anos hacia unha evolución máis igualitaria, seguimos atopando altos muros para acadar os nosos obxetivos.


Somos produto tamén do marqueting. Se nos atiborra constantemente con publicidade para estar máis xoven, para seren máis guapas, máis delgadas… E todo iso traspasa a nosa pel e a nosa mente. Mentres tanto, eles gobernan e están nos altos postos das sociedades. Abramos os ollos: reclamamos unha educación máis igualitaria, eficaz, feminista, para que as próximas xeracións se desenvolvan en igualdade de condicións, por un futuro máis xusto e equitativo”.


Así falan as integrantes de Féminas en Acción. Eu son unha delas. Unha de tantas. Cansa de ollar arredor e de ver que, en pleno século XXI, non avanzamos tanto…


É desolador ese imaxinario colectivo que potencia a idea de que unha muller libre e que ocupa o seu lugar na sociedade, é perigosa. Pero a explicación deste feito é sinxela. Cando alguén colle o seu propio poder, os demais cren que llo está quitando a outro.


Nós non pretendemos tomar prestado e moito menos arrincar o poder de ninguén. Para que iamos querer algo alleo? Nós temos suficientes cores no noso interior para pintar o lenzo da nosa vida. O único que si pretendemos é respirar o aire, porque o aire non pertence a ninguén. Pretendemos viaxar polo mundo sen medo, porque o mundo, por moito que a especie humana queira posuilo, o mundo, asegúrovos que non é de ninguén.


E non, nós non pedimos nada. Temos dereito a todo. Exactamente igual ca os paxaros, igual que as cauces do río e as estrelas no firmamento. Igual ca os homes. Temos dereito ao noso. Dereito a achar a felicidade e a compartila. Para que a vida, a liberdade e a igualdade sexan sempre a mellor solución. Vémonos no 8M e en cada día do ano.

Non pedimos nada, temos dereito a todo

Te puede interesar