Non son os pellets, é a mentira

Ogoberno galego non ten culpa de que a un barco se lle caian ao mar contenedores de carga con centenares ou milleiros de sacos de pellets. Non ten culpa de que eso provoque un problema e unha preocupación medioambiental. Obviamente non, e se alguén pensa iso é que ten un mal pensar ou está demasiado obcecado.
Do que si é responsable o goberno galego (porque que ten a obriga, os medios e a competencia de coidar medioambiental o noso territorio) é de xestionar con eficiencia e sentidiño o noso entorno natural, e protexelo eficazmente de calquera ameaza. E aí, tristemente, non hai por onde coller o sucedido. 
Asturias decretou o nivel 2 de alarma ás 48 horas de detectar os primeiros pellets nas súas areas. Cantabria, cun goberno do PP, tardou o mesmo. Axilidade e coordinación para que cheguen máis medios para limpar. Galicia tardou 4 semanas.
Un non sabe se foi porque ao inicio non lle deron importancia (un erro), porque creron que non lle importaría a ninguén (máis erro) ou porque sabían que serían as eleccións autonómicas e pensaron que era mellor facer como que non pasaba nada (tremendo erro). Pero así estivemos. Un cidadán retirou máis de 50 sacos de plásticos dunha praia o 13 de decembro e avisou con preocupación ás emerxencias da Xunta, e o goberno galego preferiu ocultalo e facer que nada pasaba ata que a cousa foi demasiado grande.
Rueda mentiu cando negou que tiveran a información, como xa sabe todo o mundo e foi posto en evidencia de mil maneiras. Quedáronse de brazos e logo, como os nenos aos que pillas facendo unha trasnada, mentiron e negaron a evidencia ata chegar a culpar a outros. Sempre a outros. E así pasamos de contar un día que non se aumentaría o nivel de alerta e que no mar non se podían recoller os pellets, a decidir ao día seguinte que era necesario subir a alerta e que facían falta barcos, helicópteros, avións, submarinos robotizados e a Armada Invencible. Polo medio un superado conselleiro de pesca contando que o plástico, se o comes, entra por onde entra e sae por onde sae. Xa podía ir saíndo el polo mesmo sitio que entrou.
E así se dana a imaxe dunha Galicia que ten todas as capacidades de resolver un grave problema como este, pero cuxo problema real é precisamente o goberno que ten. Un goberno que non dubidou en agochar a información e en mentir. E aí está o drama. Porque ante unha crise medioambiental, os galegos e galegas sempre seremos un pobo exemplar. Ningún goberno ten culpa de que se caian contedores dun barco, pero si de mentir para intentar enganar por intereses electorais. E Galicia merece un goberno que non lle minta.

Non son os pellets, é a mentira

Te puede interesar