Nunca máis impunidade

chega aquí, á nosa localidade, a oportunidade de ver o documental “20 anos de dignidade”, memoria necesaria da situación de emerxencia vivida no país, con énfase máis acusado entre as xentes do mar próximo, os da Ría de Arousa e de toda a contorna do litoral Atlántico, consecuencia da vertedura de chapapote causada polo neglixente afundimento do petroleiro Prestige; unha catástrofe medioambiental das de máis alta gravidade que se ten producido no mundo planetario.


Lembranza pedagóxica dun movemento social sen precedente representado na bandeira Nunca Máis, símbolo da unión dun pobo contra o desleixo, contra o silencio e o inmobilismo dos responsables políticos nos gobernos de quenda en Madrid e Compostela. Dúas décadas atrás que rememoran as mobilizacións sociais lideradas entón por aquel movemento máis aberto, plural, inclusivo e transversas da historia recente de Galiza. Imaxe fílmica dunha sociedade que lle plantou cara o desastre e á incompetencia cunha paixón e cunha determinación que nunca esqueceremos. Un acontecemento histórico que demostrou ao mundo que o pobo galego é quen de facer. Amosou á propia xente do país que somos capaces de plantarnos diante de quen sexa e reivindicar a nosa existencia e o que significa par nós o noso medio de vida e a do espazo territorial que habitamos.


Así e todo, non podemos obviar que o perigo de repetición continúa aí. Ao espertar, o dinosauro sigue aí. Preto da costa galega, cada día navegan decenas de buques con mercadorías perigosas e altamente contaminantes. As medidas de seguridade marítima en pouco ou nada melloraron na prevención. Menos aínda, entre nada e cero, os recursos para abordar futuras catástrofes ecolóxicas. Daquela, novamente é a sociedade civil a que ten que cargar nas súas costas coa labor de concienciar á cidadanía dos perigos que aniñan a poucas millas dos lugares nos que habitamos.


Para contribuír nesa imprescindible misión didáctica, vén de abrir as súas portas a exposición “Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige”, mirando ao pasado afundimento do petroleiro e poñendo o foco na memoria, a creatividade  e as protestas para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e da ecoloxía. Unha mostra visual, iniciativa da asociación Unha Gran Burla Negra, coa que se procura abrir preguntas incómodas, imaxinar mundos e partillar loitas. Non busca nostalxia nin celebración da traxectoria do Nunca Máis. É advertencia dos riscos dun porvir que se presenta a toda hora como catástrofe e dun capitalismo acelerado que nos reclama sempre mais: Máis extracción de recursos, máis mobilización do afecto de subxectividades, máis consumo innecesario e superfluo. Malia todo, respecto desas demandas sempre seremos máis, contra os poucos que se benefician dun mundo concibido como permanente incremento de capital. Conciencia ecolóxica. Nunca máis impunidade.

Nunca máis impunidade

Te puede interesar