Festa é palabra que, na súa opción singular como substantivo feminino, indica o conxunto de actos de carácter alegre organizados co fin de celebrar ou conmemorar un feito ou de lembrar a un personaxe, sexan estes civís ou relixiosos. Tamén é vocábulo que fala de diversión ruidosa, de cousa que dá alegría ou do día, único ou varios, en que se celebran os actos conmemorativos. Alén diso, na súa opción plural fálanos dos afagos ou caricias que se fan para conseguir algo. Entre as moitas frases que se expresan con esta verba sen dúbida á que máis axeitada resulta para identificar o moderno senso antropolóxico que define o carácter do momento posterior á pandemia sanitaria do Covid-19, coa obriga abstinencia do lecer social, é a de festa rachada; e dicir, festa grande, celebrada con todo luxo e sen que falte de nada. Non debe estañar pois que a lista de sinónimos para esta palabra, festa, sexa longa e sonada na que non pode faltar o concepto de algueirada, carallada, esmorga, foliada, rexouba, ruada, troula entre outra moitas máis ben acaídas.
Daquela, parodiando un lugar común á hora de referirse ao país dos mil ríos que conforman a conca hidrográfica do territorio galego; tamén podemos falar do país das mil festas que na realidade da celebración é dez veces iso; e dicir, aquí contabilizamos preto a dez mil ocasións festivas cada ano. Festas populares que constitúen un símbolo de peso importante na vida social. Cada concello, cidade, parroquia ou lugar que conte con certa dimensión de veciñanza non deixa ocasión de conmemorar, celebrando, a onomástica dun santo católico, un acontecemento histórico ou a exaltación de produto gastronómico ou do maridaxe de máis dun que, visto que a suma multiplica resultado, remata por ser un poderoso motivo de atracción de xente foránea á localidade.
Reparemos no gasto de centos de millóns de euros, incluíndo nesta cifra o relativo a outras iniciativas de espectáculos nos que ficarían tamén os chamados festivais musicais que cada vez teñen unha proposta máis numerosa e variada, é tamén o volume de negocio que podemos aceptar como elemento de dinamización económica e de emprego. Sen entrar no xuízo de valor a respecto da problemática que se evidencia da normativa fixada pola “Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia”; a cerne da cuestión está relacionada coa falta de singularidade, nula contribución cultural á personalidade do país e desleixo a respecto das necesidades lingüísticas que potencien o idioma propio derivada da modalidade de optar por un xeito de festa alleo á nosa tradición, tirado dunha fórmula importada. Festa sen alma de seu.
Certamente non todas son así, é notorio que moitas delas saben dotarse de marca; e, deste xeito, cobran merecida sona. Así e todo, é hora de recuperar o propósito que se fixou na campaña das “Mil festas máis para a cultura galega” motivando á xente implicada para sumarse a esta causa.