Onde me poñan un chuletón ao punto

Confío en que todas as persoas de ben, sexa cal sexa a súa orixe, opción política ou estrato socioeconómico, teñan en común a idea de protexer e coidar o medio ambiente e que o fagan todos a unha, como obxectivo colectivo. A discusión comeza en como facelo e quen son os responsables de facelo, porque... Onde me poñan un chuletón ao punto!

Se a COVID nos está aclarando algo é que a nosa relación co planeta deixa moito que desexar. A imparable pandemia da biosfera somos nós e a nosa forma de vida. Coma Eresictón de Tesalia e a súa fame insaciable, acabaremos devorándonos a nós mesmos porque... Onde me poñan un chuletón ao punto!

O IPCC no seu último informe do pasado agosto é claro cando expón que “o cambio climático é xeneralizado, rápido e estase a intensificar”, as emisión de gases de efecto invernadoiro producidas principalmente polo impacto da actividade humana son as responsables da subida de, polo menos, 1´1°C dende 1900. E que facemos nós mentras tanto? Prender as brasas porque... Onde me poñan un chuletón ao punto!

A FAO leva tamén tempo advertindo que a produción gandeira industrial intensiva non é sostible porque a suma de todas as emisións na súa cadea de produción supón xa un 14% do total de gases invernadoiros na atmosfera. A reflexión, cos datos na man, é sinxela: temos que consumir menos e producir doutro xeito. Pero claro... Onde me poñan un chuletón ao punto!

As prácticas agrogandeira sostibles para o planeta xa existen, non hai que inventalas, se orientamos a mirada témolas diante dos fuciños. En Galicia hai exemplos de modelos produtivos integrados de xeito equilibrado no ecosistema do que forman parte e que son chave para a conservación do territorio, do patrimonio cultural e da vida digna e xusta das xentes no rural. O modelo extensivo fronte ao intensivo, as cooperativas de pequenas ganderías fronte as macrogranxas, o modelo rural fronte ao industrial. Chegados entón a este punto da dixestión pregúntome: Por que a PAC non pon todos os recursos en potenciar este modelo extensivo fronte ao intensivo? Pois porque o responsable último das políticas agrarias pecha a posibilidade de debate cun... Onde me poñan un chuletón ao punto!

Entón, se os dirixentes políticos son os responsables de favorecer unha produción que é á larga insostible coa vida no planeta: Que pintamos nós no medio de todo isto? Moito, para empezar somos maioría. Cada cidadán decide co seu voto, coas súas accións e co seu consumo, porque hoxe máis que nunca o noso consumo é un acto político. Onde mercamos, o que mercamos, a frecuencia con que o facemos son decisións que importan e moito, xa que incentivan un modo de produción ou outro.

Nestes tempos ser consumidor é un reto colectivo que Ravella debería orientar e facilitar. O equipo de goberno local podería ser promotor de acordos coas comunidades de monte para empregar unha parte do noso espazo comunal en explotacións gandeiras sostibles, máis rendibles socio economicamente e crear así o emprego que tanto necesita este concello. Incentivar a compra de alimentos de km cero nas prazas de abastos, tanto a de Vilagarcía como a de Vilaxoán. Acompañar a creación de grupos de consumidores que traten directamente cos productores. Poñer en marcha hortas urbanas comunais para avanzar uns pasiños cara a saberanía alimentaria. Pero por riba de todo, Vilagarcía debería deixar de vivir de costas ao rural.

Cando Pedro Sánchez intervén no debate sobre o consumo de carne co hilarante ”Onde me poñan un chuletón ao punto”, infantiliza calquera posibilidade de debate posterior. A discusión non vai sobre apetencias, a reflexión consciente sobre o consumo debe basearse en avaliar cal é o custo medioambiental, social e ético dese chuletón, non en si o prefiro ao punto ou ben pasado.

Para lograr un desenvolvemento sostible hai quen plantexa que quizais teñamos que decrecer, consumir menos e mellor, satisfacer as nosas necesidades sen comprometer as necesidades das xeracións futuras, aprender a diferenciar entre querer e necesitar, transformar o noso carro da compra nun carro de combate, outros din: “A min, onde me poñan un chuletón ao punto... Iso é imbatible!”.

Onde me poñan un chuletón ao punto

Te puede interesar