Pactos como churros

cando un equipo ficha a un entrenador, ou un xogador, hai dous tipos de presentación: os que prometen resultados e os que prometen traballo. Eu desconfío dos que prometen vitorias, porque sempre penso que falan por falar. Unha vitoria ou un éxito, cando existen outros que forman parte (como os rivais no deporte) depende de moitos factores que un non pode controlar, así que prometer que todo vai a ir ben é como acertar o tempo a un ano vista: podes aproximar, pero non garantir.
Sucede o mesmo en política con aqueles que prometen pactos. Chegan as campañas e hai políticos que enchen os seus actos e entrevistas de pactos. Pacto pola educación, pacto pola sanidade, pacto polos servizos públicos, pacto pola seguridade, pacto por aquí e pacto por allá. Pero nunca explican que cuestións cren que si se pode pactar e cales non. Para un pacto en educación haberá que acordar canta autoridade deben ter os profesores, como distribuímos recursos entre pública e concertada, que asignaturas deben computar nas notas, cantas horas ensinamos filosofía, matemáticas, educación física ou relixión. Debemos acordar sobre a ensinanza das distintas linguas e culturas ou centralo todo nunha cultura e lingua única. En sanidade debemos acordar sobre se damos máis peso á atención primaria ou non, se investimos en tecnoloxía ou en profesionais. Invocar un pacto para todo implica asumir que hai unha solución única, boa, perfecta e indiscutible. Ou se non, significa renunciar a algunhas cuestións que cada quen considera prioritarias. Así que cando escoito a un político falar de pacto necesito escoitarlle contar aquilo ao que está disposto a renunciar. De non ser así, de que pacto está a falar?
Para acordar entre dúas opinións distintas é preciso chegar a puntos intermedios. A pesares diso creo que cando algúns políticos falan de pactos en realidade queren dicir que todos os demais teñen que darlle a razón, sen discutir, sen discrepar e por decisión divina. Hai políticos que cando falan de pactos, están implorando unha rendición de todos os demais. E iso é un engano que utilizan os que non saben como defender aquilo que pensan e pretenden impoñelo de maneira sibilina. O acordo, o pacto, o consenso...serán sempre motivo de satisfacción. Pero non se invocan, se practican. E iso xa é máis complicado. 

Pactos como churros

Te puede interesar