Falar sobre democracia e a necesidade de “escoitar á xente” falamos todos, pero preguntémonos realmente se de verdade cremos que confiamos e respectamos as decisións tomadas entre todos. Teño escoitado moitas veces a moita xente defender que non todos os votos debían ter o mesmo valor porque os outros sempre teñen menos razón. Sempre os outros, porque curiosamente nunca escoitei a ninguén dicir que a súa opinión propia debe valer menos. Todos cremos que os nosos valen máis.
Ven isto a conto porque levamos semanas escoitando falar a moita xente sobre o que é decente ou non é decente dialogar e acordar entre os partidos que se presentaron ás eleccións xerais, e moitas desas voces afirman que todas as demais ideas que non sexan a propia pois non valen. Son indecentes e indignas, incluso. E eu pregúntome se isto non é considerar que o que votaron os cidadáns foi errado e se, en resumen, cremos que a nosa interpretación das cousas debe valer máis que a dos demais.
Cando vexo aos partidos políticos que reciben votos e escanos para representar a cidadanía penso se alguén non é consciente de que a cidadanía vota e o resultado que se obtén é o que hai. Este é o país que somos. Hai unha boa parte de xente que vota a partidos de dereita, sexan o de moi á dereita ou os de máis alá; hai partidos de esquerdas, sexan os socialdemócratas ou as esquerdas de fórmulas máis novidosas; hai partidos nacionalistas, e hainos con clara vontade independentista ou non, como os hai que se fundamentan en modelos sociais máis de esquerdas ou máis de dereitas. Hai de todo, e iso é bo. E o resultado que temos é a España que temos. Nin máis, nin menos.
Por iso cando vexo que os partidos dialogan, creo que é positivo. Creo que é incluso necesario. E creo que todos debemos de aceptar que todos os representantes teñen toda a lexitimidade para reivindicar o que queiran, libre e abertamente. Cando cheguen a acordos deben estar dentro das leis, ou estar de acordo en cambialas se é posible e teñen as maiorías para elo. Eu non son nacionalista, pero os nacionalistas representan unha idea do país que debe ser tida en conta porque hai xente que a respalda. Eu non son de dereitas, pero hai moita xente que se ve representada por algún que si o é, e deben ter presenza e conseguir estar nos grandes acordos se non se aillan. Este é o país que temos. Porque é o país que entre todos escollimos. E así hai que amañarse. As demais solucións, especialmente ir a eleccións de novo, sería defender que a xente non sabe votar tan ben coma votei eu, e entón debe intentalo outra vez a ver se acerta. E iso non parece lóxico aceptalo.