Pegar a un político

Agresión a Carlos Iglesias ou o intento de queimar o coche de Gonzalo Durán que ocorreron estes días, coma os danos ao vehículo de Juan Fajardo ou as pintadas que a sede socialista de Vilagarcía que pasaron hai poucos anos, son expresións deplorables dun certo mal estendido que parece habilitar a algunhas persoas para agredir a outras polo mero feito de non estar de acordo con elas. Coma case todas as condutas humanas esta, aínda que reprobable, tamén ten a súa explicación e, ao contrario que outras cousas, esta explicación si que comeza polo principio.


De maneira habitual un atópase en calquera conversación na que hai algún político coa idea de “os que somos persoas de normal da rúa...” para que che expliquen algo cunha suposta maior lexitimidade. Coma se a xente que nos dedicamos por un tempo á política non compráramos no supermercado ou non tiveramos que arranxar o coche cando funciona mal. Esta falaz dicotomía formula a perigosa idea de que hai cidadáns máis cidadáns que outros, e que por suposto os que están en política son menos. A isto contribúen, para maior gloria, moitas persoas que precisamente se dedican a este campo, e así un pode ler ou escoitar a concelleiros ou deputadas acusar a alguén de “estar facendo política”. Coma se un albanel acusase a outro de facer masa. Este populismo funambulista da antipolítica chegou a formar un partido político que fixo da idea de ser Ciudadanos un distintivo de calidade, coma se os demais non o foran.


Ocorre tamén que calquera persoa que, lexitimamente, ten a súa maneira de entender que decisións cre mellores e cales peores, considera que aqueles que non fan o que el pensa é porque son malos, malintencionados e que buscan un beneficio individual. Coma se houbese unha verdade única e inmutable. Frecuentemente escoito a xente que fala en nome “da xente”, e sempre me pregunto en nome de que xente, pois xente hai a moreas e opinan cousas distintas, opostas e contraditorias entre si. Precisamente é a política a maneira de xestionar o total de intereses que, obviamente, non pode satisfacer a todos.


Deste caldo de cultivo tamén beben os que fan oposición (ou goberno) co único obxectivo de explicar o malas persoas que son outros e que, ademais, son ilexítimos e non teñen ningunha autoridade para estar onde están. Este desprezo acumúlase no persoal, e pasa a ser a única ferramenta de discusión. Despersonalizar ao outro unicamente sirve para que se termine por decidir quen é peor persoa, pero unha cidadanía interesada na política nunca poderá respectar un debate así.


De todo ese caldo xurde a idea dun político inhumán, interesado e ilexítimo. E como ninguén puxo o foco en que cada un de nós tamén ten a súa responsabilidade no que pasa na nosa política, terminan algúns desnortados convencidos de que teñen toda a razón do mundo para agredir a outro, porque seguro que o merece. E así pasa o que pasa. 

Pegar a un político

Te puede interesar