Petos de ánimas

Unha esmola polos defuntiños que van alá. Así comezaba a petición tradicional das lambetadas na celebración dos defuntos en Galiza, unha tradición que evocaba un vínculo profundo cos seres queridos falecidos. Este costume, moi afastado do “truco ou trato” importado hoxe, liga coas nosas propias manifestacións de respecto e recordo polos mortos. Entre estas destaca a figura dos petos de ánimas, unha expresión do patrimonio material galego que, malia a súa relevancia, vese ameazada polo paso do tempo e a desatención. Desleixo sumado aos lavadoiros e outros bens.


Os petos de ánimas, pequenas construcións de pedra, son altares populares erixidos para recordar as almas dos defuntos atrapadas no purgatorio. Estas ánimas, representadas en imaxes nas que aparecen rodeadas de lapas, buscan chamar á caridade dos vivos. A súa función é coller as esmolas que poderían abreviar o sufrimento destas almas, tal como establece a tradición católica que, desde o Concilio de Trento no século XVI, concibiu o purgatorio como un espazo transitorio antes de alcanzar o ceo. O peto simboliza, así, unha mediación entre vivos e mortos, entre o mundo material e o espiritual, e entre clases sociais, pois nel son representadas figuras tanto de labregos e mariñeiros como nobres, reis e bispos. Na parroquia dos mortos non hai clases, todos son iguais.


A distribución dos petos de ánimas por toda Galiza revela unha cartografía que testemuña unha devoción íntima polos defuntos, un vínculo que sobreviviu aos séculos pero que, na actualidade, enfróntase a múltiples ameazas. Moitos dos petos construídos con anterioridade a 1901 están catalogados como bens de interese cultural, mais esta protección legal non sempre resulta suficiente para preservar estas estruturas. Ao igual que os cruceiros, os petos de ánimas son elementos vulnerables, expostos tanto ás inclemencias meteorolóxicas como á expansión de infraestruturas que non respectan a súa presenza. A falta de mantemento, a desatención institucional e o roubo de pezas contribuíron á degradación de moitos petos nos últimos anos.


Nun tempo no que as tradicións locais enfróntanse a dinámicas globais e á homoxeneización cultural, os petos de ánimas representan un recordo vivo dunha identidade enraizada no territorio galego. A súa conservación non é só manter pedras e esculturas, senón preservar unha manifestación cultural que conecta coa cosmovisión, da morte e do recordo dos nosos devanceiros.


É fundamental reconsiderar o noso papel de país, con historia de seu, na protección deste ben patrimonial, comprendendo que os petos de ánimas son moito máis que elementos decorativos ou vestixios históricos sen utilidade. A conservación e posta en valor dos petos debe ser un camiño para fortalecer o noso propio vínculo coa tradición e garantir que ese xeito de memoria polos nosos antepasados poida ser transmitida ás xentes do futuro. È unha parte da nosa personalidade social. 

Petos de ánimas

Te puede interesar