Poseidón

Outra vez máis, e imos perdendo a conta, Vilagarcía volve ser foco de atención de toda a prensa estatal trala aparición do narcosubamariño nas augas de Vilaxoán. A rémora do narcotráfico acompaña a cidade desde sempre e sempre para mal.
 

Estaría mellor se toda esa información recoñecese a calidade de vida da nosa vila. Que, fronte ao amarelismo do narcosubmariño, se falase do traballo da xente que, por exemplo, atopou esta embarcación e como perderon o aparello tras enguedellarse no cascarón que cruzo o Atlántico. Que, dunha vez por todas, a nosa ría e o seu litoral non sexa recoñecido como un plató de series de narcos, senón como o verxel que que dá ao mundo os mellores produtos do mar, desde o mexilón ás ameixas de Carril. Cómpre que as institucións fagan tamén algo neste sentido: boto en falta que se involucren os concellos, a Deputación e outras institucións na divulgación de valores positivos, que o fagan mediante acordos que permitan utilizar plataformas multimedia como palestra para demostrar as nosas marabillas. É fácil encontrar centos de canais de viaxes e gastronomía, pero é moi difícil dar neles con contidos sobre a nosa cidade, quizais nisto deberían estar traballando as concellerías de Turismo.
 

Tamén sería moi bo que a Delegación do Goberno en lugar de apresurarse a retirar o narcosubmariño, tivese realizado antes un mínimo traballo de asegurar a retirada sen risco para o medioambiente. O cascarón levaba semanas afundido, unhas horas máis antes de retiralo non tería nada de malo. A investigación policial sería a mesma, pero un traballo feito con barreira de contención contra verquidos tería evitado que hoxe o combustible que quedaba no aparello acabase nas praias de Carril ou da Arousa.
Vilagarcía e Vilaxoán son moito máis que narco e embarcacións de narco, son as mellores vilas do mundo: por proximidade, por contorna, por comunicación, e pola súa xente. Só queda que as reivindiquemos todos os días fronte a quen prefire velas como teleseries de narcos.

Poseidón

Te puede interesar