Contan os vellos que nunha casa sempre hai cousas que facer, que nunca se termina. Como case sempre, teñen razón, porque un non para de atopar melloras e apaños que facerlle ata terminar pensando que nunca terá a casa perfecta. Iso si, segues a facer cousiñas pouco a pouco, porque ninguén deixaría de amañar unha billa por pensar que sería mellor cambiar todas as tuberías.
Hai partidos políticos cuxa única aportación é sentarse no sofá a contar que todo é moi fácil pero os demais non saben, e que como as cousas non se fan óptimas e perfectas dun día para outro entón non merece a pena apoialas. Son sempre insaciables na procura dun argumento para consideralo todo insuficiente, tan intensos coma os adolescentes que declaran amores incondicionais cada noite e que asumen que o mundo termina cando che deixan sen contestar un whatsapp.
A utopía é un obxectivo inapelable, pero malamente pode converterse nun argumento. A pureza, por definición, é tan reaccionaria como improdutiva, e contribúe unicamente a xerar un fabuloso imaxinario colectivo onde todo podía ser marabilloso para todo o mundo, aínda que teñan necesidades contraditorias. Aí está o refuxio dos que valen para o que servimos todos, para queixarse. Se un non cobra o suficiente non vale con subir o salario senón que hai que deixar o choio. Se o xefe non é o mellor non vale con melloralo pois hai que disolver a empresa. Se un rompe un cristal non vale con cambialo senón que hai que cambiar a fiestra enteira. Sería de supoñer que, co mesmo criterio, cando non obteñen un resultado perfecto nunhas eleccións deberían renunciar a todo e disolverse, pero por algunha razón incomprensible (nótese a ironía) o criterio cambia cando lles toca analizarse a si mesmos.
Non se trata de facer apoloxía do posibilismo máis estrito, pois nada se constrúe sen aspirar a máis e ningunha transformación parte do conformismo. Pero entre aceptar sumisamente a realidade e a perfección imposible hai un enorme espazo para construír avances. De non ser así, quedariamos permanentemente quietos, lembrando ao poeta cando escribiu “triste aquel que non fixo nada por crer que podía facer moi pouco”. Eu prefiro aos que son quen de traballar na imperfección, que miran a ese horizonte que un sabe que non tocará pero, como contaba Galeano, serve para seguir camiñando cara el.