Escoito estes días a algún político supostamente moderado falar de que os gobernos “fórranse” cos impostos. Saltareime a obviedade de que os gobernos xestionan, pero non se quedan cos impostos (aínda que algúns quédanse cos cartos de todos pero de Rato, Bárcenas, Zaplana e demais xente xa falaremos outro día). Saltareime tamén que o político que o dixo é, precisamente, o que preside o goberno que recibe maioritariamente eses impostos. En fin, vaiamos ao asunto, que é mellor.
Debería ser racional que cada un pague impostos segundo o que ten, por tanto parecería normal que puidesen pagar un pouco máis os que teñen máis para que paguen un pouco menos os que menos teñen. Así todos poderiamos ter un básico, xa que dez euros significan máis para quen gaña 1000 que para quen gaña un millón. Poderiamos, pola contra, non meter impostos novos moi discutibles como cobrar por usar a luz do sol (que non é propiedade de ninguén, polo de agora). Dase a curiosidade de que en Galicia, por poñer un exemplo, suprimíronse (ou reducíronse ao mínimo) os pagos dalgúns impostos para persoas que teñen patrimonios de case un millón de euros, que se di pronto pero son unha chea de cartiños, mentres que vostede e máis eu seguimos pagando igual. E tamén que foron os mesmos gobernos os que puxeron impostos a usar a luz do sol e subiron os da electricidade. En resumen: podemos rebaixar algúns dos que pagamos todos por igual pero subindo os que pagamos en función do que temos. Porque debemos preguntarnos se é mellor que os cartos se redistribúan para afianzar a equidade ou que cada un teña o seu e que se salve o que poida.
Eso si, resulta que os políticos que o queren solventar todo rebaixando impostos son os primeiros que logo os soben e, ante calquera problema, demandan sempre que os demais (sempre os demais, nunca os seus propios gobernos) poñan axudas directas a chorro e financien todas as perdas das crises económicas. Eles nunca o fan, pero sempre o piden. Eu pregúntome con que cartos queren que se faga? Porque para iso cóbranse impostos, para que os cartos de todos se redistribúan en parte para que todos teñamos oportunidades, especialmente cando veñen mal dadas. É unha maneira de ver as cousas. Hai outras, lexítimas, pero non se pode ingresar menos e pedir que se gaste máis. Salvo que un, en vez de falar de impostos, fale de tonterías. Pero a un político serio non se lle debería ocorrer falar de tonterías nunha crise, salvo que sexa un cínico.