Recoñecemento para o Galego

No próximo 15 de novembro, o Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea discutirá unha cuestión que, para milleiros de galegos e galegas, vai moito máis aló dunha simple formalidade institucional: o recoñecemento do galego como lingua oficial da Unión Europea. Esta oportunidade é a culminación de décadas de reivindicacións e loitas por parte da sociedade galega, que nunca deixou de defender a súa lingua como un alicerce fundamental da súa identidade. Non en van, “a lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego”, como se subliña na carta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, entidade que lidera unha campaña aberta de apoio popular.


A lingua galega, unha das máis antigas de Europa e con profundas raíces culturais, xa foi oficializada dentro do noso país, alén dos incumprimentos que soporta a diario, recoñecemento que marcou un fito histórico. Porén, a oficialidade non pode considerarse plena se non se estende ao marco europeo, onde tantas das decisións que afectan o día a día dos galegofalantes son tomadas. A falta deste recoñecemento en Europa non só limita os nosos dereitos lingüísticos como cidadáns,senón que tamén mina a capacidade de Galiza para defender o seu múltiple e variado interese.


O galego é “garantía de futuro” ademais de ser unha ferramenta clave para construír un proxecto colectivo próspero. Non se trata dunha demanda minoritaria, senón dun clamor colectivo que busca situar a Galiza en igualdade de condicións respecto ás outras linguas cooficiais recoñecidas na UE. 


Non esquezamos que a lingua galega forma parte dun sistema lingüístico máis amplo, o galegoportugués, que abrangue a máis de 250 millóns de falantes en todo o mundo. Recoñecer o galego como oficial permite optimizar recursos nas tarefas de tradución e interpretación, ademais de fortalecer os lazos co país veciño, Portugal, co que compartimos moito máis que unha fronteira: unha continuidade cultural, lingüística e económica que debería ser aproveitada no Eixo Atlántico. 


Resulta paradoxal que, malia a súa relevancia histórica e cultural, o galego continúe a ser unha das linguas marxinadas no ámbito comunitario. A Unión Europea, que proclama con orgullo a súa  diversidade lingüística e cultural, non debería desaproveitar a oportunidade de reparar esta inxustiza histórica. A oficialidade do galego non é unha simple cuestión administrativa: trata de garantir que todas a persoas galegas poidan exercer plenamente os seus dereitos como cidadáns europeos, con “todas as garantías, dereitos e deberes, tamén os lingüísticos”, recoñecidos. É cousa de xustiza.


Trátase de que as xeracións actuais e futuras poidan vivir nunha Galiza onde a súa lingua non só se fale nas rúas e nos fogares, senón que tamén sexa respectada e protexida en todas as esferas da vida pública, loxicamente incluída a europea. O galego, esa lingua que nos une e nos identifica como pobo, merece un lugar digno nunha Europa plural. E debe ser plenamente oficial na UE.

Recoñecemento para o Galego

Te puede interesar