Regueiros de desleixo

Vivimos tempos confusos, onde o noso máis prezado talento semella ser o de esnaquizar con esmero todo aquilo que tardamos séculos en construír. Baixo o paraugas dunha modernidade mal entendida, importamos receitas foráneas con máis présa que sentidiño, cambiamos o sacho polo último trebello tecnolóxico que promete o paraíso sen manchar as mans e, de paso, deixamos que novos estados de opinión, cociñados en laboratorios de ideas a centos de quilómetros, nos diten como pensar, convivir e traballar. Así nos vai, vendo como esmorecen os nosos propios sistemas, os valores da comunidade veciñal e os saberes que permitiron que esta terra alimentase á xente.


Neste contexto, cando o mundo enteiro xira nunha caótica dinámica guiada por ese tarambaina que preside a primeira potencia económica e militar do planeta, a nosa última teima é apelar á Unesco. Unha pregaria laica para que nos bendiga cun selo de “patrimonio inmaterial”, a ver se con iso logramos adiar o inevitable: a desfeita dun ben colectivo construído cos saberes milenarios do pobo.


Pois é neste escenario, onde o progreso semella medirse pola capacidade de arrasar o que fomos, que falar da rega tradicional soa case revolucionario. Hai poucos días, no Consello da Cultura Galega, púxose sobre a mesa o valor dun esquecemento programado. Alí recordouse que as comunidades labregas desenvolveron en Galiza complexos sistemas hidráulicos, adaptados a cada lugar e xestionados pola veciñanza. E aquí xorde a gran contradición: malia que estes sistemas construíron o noso territorio, malia que permanecen, vivos ou fosilizados, nas nosas paisaxes, e malia que manteñen un enorme valor ambiental para un modelo sostible, ata o de agora, esta relevancia apenas espertou o interese pola súa investigación, salvagarda ou reactivación.


O encontro serviu para lembrar que regar non era só botar auga, senón unha expresión de coñecementos, técnica e organización. Era entender que o río non pasa para un só beneficiario e que sen comunidade non hai canle que dure. Por iso, a proposta de sumarse á lista “Rega tradicional: coñecementos, técnica e organización” de patrimonio da humanidade, que xa ampara a outros territorios europeos, abofé, esta medida convértese nun escudo estratéxico e necesario.


Trátase, en esencia, de facer visible o agochado e de artellar un plan que identifique aliados e fixe obxectivos para reverter esta desmemoria. Unha fermosa causa, en definitiva, porque  a forza que impulsa o abandono do rural, a lóxica do mercado que todo traduce a valor monetario e a homoxeneización cultural son un incendio de proporcións xigantescas. Malia este dilema, cómpre que o traballo non falte. O valor destas accións transcende o resultado inmediato. Manter viva unha canle de rega, aínda que hoxe a súa auga só alimente as silvas que medran onde antes houbo froito de alimento, é moito máis que un xesto nostálxico. É, en definitiva, garantir que a terra non esqueza o camiño da auga, por se mañá alguén decide sementar de novo. Porque onde hai rega, hai futuro.

Regueiros de desleixo

Te puede interesar