Saber estar

Neste mesmo día teño a honra enorme de cesar como deputado do Parlamento de Galicia, privilexio que vivín durante 8 anos e que o resultado electoral impídeme seguir realizando agora mesmo. Si, é una honra, porque cesar implica ter vivido a inesquecible experiencia de exercer una labor especial que a inmensísima maioría da cidadanía ve con distancia e nunca poderá nin chegar a imaxinar. É unha oportunidade á que solo cabe responder con agradecemento e con traballo devoto.


O agradecemento vai para todas as persoas e conxuntos que permiten e facilitan  que un teña esta oportunidade e poida desenvolvela. Sería un listado imposible, pero sei que todo o mundo que colaborou fíxoo coa mellor vontade, indescritible e incalculable. Tamén ao meu partido, que me ofreceu a inmensa honra de representar unha idea común que outros moitos fixeron grande e honraron antes de que a min me tocara defendela. O traballo, sempre insuficiente, é a maneira de ofrecer o que un ten aos demais. Un sempre sinte a sensación de poder ter feito máis, pero escoitei unha vez ao meu bo compañeiro, agarimoso amigo e impagable referencia Modesto Pose dicir que “en política, como na vida, hai que facer as cousas de forma que un poida durmir tranquilo polas noites”. Permítanme a expresión sinceira de satisfacción por ter feito o que mellor souben e puiden, para poder durmir tranquilo.


Ben sei que todos os afectos recibidos teñen que ver co aprezo persoal, e que moita xente espera (e confía) en que os puntos e finais sempre son, en realidade, puntos e seguido (ou apenas puntos e comas). Quen sabe, pois un sabe para dentro que o mundo nin empezou onte nin termina mañá. Sexa como fora, grazas.
Nunca se tratou de estar dentro ou fora, de estar na porta ou de que a un lle toque estar nas rúas, nas asociacións, no traballo, nos micros, nos sillóns, na toma de decisión ou no traballo abnegado e gris. Na política, como na vida, nunca se tratou de saber estar ou de saber saír. O importante sempre foi saber estar. E aquí seguimos.


Por último, unha petición. Non desprecen á política, e desconfíen de quen o faga. É absolutamente imperfecta, pois todo o que fai o ser humano o é porque, precisamente, as persoas somos imperfectas. Pero a política é o ben máis prezado que temos para vivir en sociedade, é a maneira de defender os dereitos de todos e todas, i é a oportunidade que teñen de ter voz as persoas que non teñen nada máis que a política. É a nosa ferramenta para convivir. Todo elo ben vale o noso esforzo de esixir que as cousas sexan cada vez mellores. Merece a pena. 

Saber estar

Te puede interesar