Celebro enormemente a tendencia que están a coller as festas de San Roque en Vilagarcía nestes últimos anos, especialmente os dous últimos que, tras a pandemia, puideron funcionar a pleno rendemento. Probablemente non sexan, a simple vista, grandes cambios. E seguro que fan falta máis anos para consolidalos, pero tamén é certo que así é como se instalan as transformacións sobre a nosa maneira de convivir.
San Roque ven sendo dende sempre un orgullo como vilagarcián. Moitos e moitas de nós asumimos que as festas propias, como a cada quen as do seu pobo, vila ou cidade, resúltanos especialmente agradables porque revivimos espazos cos nosos e vemos a xente que durante o ano non coincidimos ou que están fora. Celebramos ese punto nostálxico ao que convidamos a participar aos demáis… ao noso modo.
Nestes últimos anos, como dicía, celebro a tendencia cambiante. A festa de San Roque é máis propia, é máis diversa e contén material e diversión para todos e para todas as persoas. Agradezo como cidadán a chegada de novos eventos, como o FestaClown, e a diversidade de concertos que resisten a burbulla musical actual programando, a pesares das dificultades, para todos os gustos posibles e gratis. E celebro, moito, que a nosa festa da auga devolva o protagonismo ao día 16 pola mañá antes que do 15 pola noite. Pode ser que algo perderamos diso hai uns anos, cando se organizaban macroconcertos discotequeros na Praia na noite previa, alimentando o fenómeno de masas do gran botellón e creando a imaxe da Festa da Auga como un efecto chamada para o desbarre. Eu tamén vivín iso con 20 anos, e claro que fun parte desa celebración. Pero tamén sei que chegaba o momento en que daba igual o Albariño, a Auga, a Vikinga ou o Apóstolo. Todo consistía no mesmo, solo cambiaba a cidade. Seguimos vendo que hai moreas de xente que chega a Vilagarcía a celebrar o 15 pola noite e vaise o 16 pola mañá sen ir ao auga. Ok. Pero vai diminuíndo, como deben facelo os espectáculos maquineros e de excesos que dan algúns espazos nesa noite que non debe servir como xustificación para o “vale todo”.
Alégrome moito de como o día 16 pola mañá hai cada vez máis vilagarciáns na rúa que senten que se recupera o San Roque de sempre, festivo e festeiro, sen propiedade de ninguén e que anima a todos e todas a non deixar a rúa co galo de mollarse. Para os vilagarciáns, ao final, o Auga é a escusa. O que celebramos é o día de vernos todos xuntos, de saír da casa sen móbil e sen horarios, de desfrutar da festa e de sentir que o noso San Roquiño bailou o Triunfo un ano máis.
Que viva San Roque!