Sangenjo

Disque o Bribón vai cruzar as rías de Arousa e Pontevedra empurrado polos ventos con area do deserto e millóns de euros aparecidos ou desaparecidos da nada, apaños de harén e outras cousas ben feas desde calquera punto de vista.


Posiblemente sexa a primeira vez que o Estado e as súas forzas de seguridade van traballar, e moito, para protexer e dar seguridade a quen, dende o seu posto, supostamente, estivo envolvido en todo tipo de chanchullos. Unhas liortas dos que esa xustiza que é igual para todos parece non querer dicir nada, cando menos no Estado español. O emérito podía ter regresado antes ou podería regresar agora e, antes de ir ao club náutico, podería ter pasado por un xulgado voluntariamente e dar algunhas explicacións para presumir de limpo.


Será o máis Sangenjo de todos os Sangenjos habidos ata agora. Por encontrarlle algo positivo os galegos e os republicanos agradeceremos o enorme traballo que está a facer este emérito en prol da terceira. Da república, para que quede claro.


Se todo isto que está anunciado non é un insulto, paréceo. Chegar a Vigo en avión privado, pasear en iate pola ría, rirse de todos nós. De todos menos do presidente da Xunta que parece encantado de atoparse no mapa gracias a esta visita ou de non saber como poñer a Galicia do mapa dun xeito menos ridículo. Despois da visita, de volta para o deserto, con ese aire de superioridade que dá vir a vacilar aos teus súbditos e que os poderes do estado, da banca e mesmo da curia, aplaudan como a un rockstar.


Algúns hoxe máis que nunca gritaremos Sanxenxo, gritaremos viva Galicia, e sobre todo trataremos de mudar as rúas que nos avergoñan co seu nome en moitos concellos do Salnés. Ben faría o alcalde de Sanxenxo e o presidente da Xunta en tratar de apartarse deste circo. Pero pode pasar que queira estar cerca porque, como no da aprobación pública da corrupción, o que sintan é envexa deste tipo de vida. Deus os dá e eles... xa se sabe como acaban.

Sangenjo

Te puede interesar