Sobrecustes, propaganda e parálise

Chega o Nadal e chegan as promesas. Igual que chegan as cartas a Papá Noel ou aos Reis Magos. En Vilagarcía, desta vez trátase do enésimo anuncio da remodelación do pavillón de deportes de Vilagarcía, Fontecarmoa. Un remodelación orzamentada en máis de 1.700.000 euros. Un orzamento que, coñecido o obxectivo que persegue o proxecto: remodelación, arranxo das cubertas, mellora enerxética e vestiarios, ten un montante que parece algo excesivo. Quizais é o momento de pensar se non sería mellor facer un pavillón de nova construción con todas as innovacións existentes e que dure varias décadas en lugar de pasarnos varias décadas pagando por remendos que nunca serán suficientes.


A cidadanía de Vilagarcía tamén ten que facerse esta pregunta: por que todo en Vilagarcía é máis caro? Por que todo custa máis cando se fai en Vilagarcía? Os proxectos son multimillonarios pero os resultados son sempre pequenos, ruíns e escasos para a as expectativas creadas e para o montante económico. E tamén é necesario preguntarse por que antes de que unha obra se faga en Vilagarcía se repiten os anuncios das obras unha ducia de veces, pero nunca se ve o inicio das obras.


Un anuncio quere aparentar que se vai facer antes de que cheguen as eleccions e nos percatemos que, salvo a cementación das rúas, todos e cada un dos proxectos do goberno están por facer, que só son proxectos que teñen un anuncio: a remodelación do parque do Cavadelo, nova piscina municipal, nova biblioteca, remodelación da Casa Jaureguízar, remodelación da praia, humanización da contorna do Ramal. Isto son todas promesas de obras que sempre son para o futuro. Se falamos do PXOM xa non hai que preguntarse, porque levamos oito anos de parálise, coa frustración correspondente de centenares de familias que esperan por el. Pero o grupo de goberno está tan desganado que nin sequera se anima a prometernos un PXOM para nunca.

Sobrecustes, propaganda e parálise

Te puede interesar