Talento en xaxún

Mentres as institucións multiplican discursos sobre o apoio ao talento novo, os artistas emerxentes enfróntanse a unha realidade ben distinta: a loita diaria por conseguir espazos, recursos básicos e visibilidade. Xaora, a creación moza sobrevive a base de sacrificio económico e precariedade.


Certo é que en Galiza chove moito, pero máis chove aínda cando se trata de apoios públicos -case ningún empresarial- aos artistas emerxentes. Iso si, finxen, con titulares, programas e logos ben deseñados, que estamos ante unha época dourada da creatividade, que os nosos mozos e mozas teñen oportunidades para amosar o seu talento e que hai unha aposta firme pola cultura nova.


O artista novel, no seu crecemento creativo, esa especie que se reproduce a base de precariedade, vocación e cafés instantáneos, é un “activo cultural” sempre que non pida que lle paguen. Exposicións hai, si, pero sempre que leve o cadro, monte a peza, pague o desprazamento e agradeza, por riba, a difusión. Unha visibilidade que, por certo, non serve para pagar o alugueiro nin para mercar pintura de calidade, pero que parece ter máis valor ca o propio traballo artístico.


A precariedade económica e de medios non é unha situación illada, é a norma. Moitos artistas vense na obriga de compaxinar a súa vocación con traballos, ao bordo da subsistencia creadora, alleos ao ámbito cultural para poder financiar os seus proxectos. Mentres tanto, voceiros dos distintos gobernos insisten en falar de “industrias culturais” e de “potencial creativo” en foros e discursos, obviando o desmantelamento progresivo das estruturas que permitirían ese desenvolvemento. Este desequilibrio conduce a que moitos talentos, lonxe de consolidarse, esmorezan na frustración.


No ámbito galego, esta política cultural está a provocar unha perda irrecuperable de capacidades e vocacións. A decepción ante a imposibilidade de vivir da propia obra de arte e o continuo choque coa precariedade xeran un éxodo silencioso de mentes brillantes, ou ben un abandono prematuro dunha carreira artística. As proclamas institucionais, por moi ben intencionadas que se presenten, non conseguen ocultar unha realidade na que o ecosistema cultural, lonxe de fomentar o florecemento, propicia o declive. A consecuencia directa é un empobrecemento colectivo, onde a riqueza do talento galego se dilúe sen ter tido a oportunidade de expresarse plenamente.


Sen política cultural seria activa e comprometida —desas que pagan, non das que botan flores—, e sen recoñecemento real, económico e con continuidade, o artista emerxente seguirá no seu sitio: ás portas, coa mochila chea de talento e os petos baleiros, sempre chamado para todo… agás para cobrar. E así vai a cousa: moito emerxer para acabar mergullado. Unha mostra do talento en xaxún.

Talento en xaxún

Te puede interesar