Días nos que, de perder a perspectiva da realidade cotiá que soporta o uso normal da lingua galega, á vista desa romaría das letras na que se atopan cómodas autoridades políticas e académicas nada ou pouco belixerante a prol do noso idioma e mesmo algunha agochada na hipocrisía de remar na dirección contraria, podemos caer na falsa imaxe dunha situación na que a palabra escrita en galego é práctica común que goza dun estado de saúde excelente. Nada máis lonxe da realidade, mesmo para unha iniciativa da Academia Galega que foi un acerto indiscutíbel na súa formulación de arranque mais que está a precisar dun mecanismo de adaptación aos tempos na que a perda da fala entre a xente máis nova fai brillar todas as luces de alarma á vez.
Aínda así, perante a realidade que consagra o dito popular asegurando que “pasado o día, pasou a romaría”, a escolla da personalidade literaria, cívica e da militancia política de Florencio Delgado Guirriarán para as Letras Galegas de 2022, cun recoñecemento porque o seu “labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras da diáspora”, fai metáfora de simbolismo este seu verso: “Unha noite no muiño, moitos din que é ren, mais, sabendo aproveitala, nela moese moito e ben”. Sen dúbida, boa ocasión para facer pedagoxía.
Resultando ser o excelente poeta que foi, cultivador dun galego asentado nas raíces da fala popular a da toponimia do hábitat da terra na que naceu; a través da súa figura comprometeuse honrar a memoria, por primeira vez, á Galiza do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outras persoas do exilio galego desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea porque xusto é facer memoria á contribución que, para o idioma, a cultura no seu amplo aspecto e para a identidade política galega, chegou dende o alén mar americano, a outra beira do Océano Atlántico que une as terras galegas coas de Cuba, na etapa da emigración ultramarina e con Arxentina, México e Venezuela na do exilio que sumou singularidade específica á coincidente vaga migratoria tamén polas causas endémicas de carácter económico e social que forzaron á nosa xente, e aínda o están a facer coa mocidade de hoxe en día. Causa das políticas.
O galeguismo militante creou na xeografía mexicana o Ateneo de Galicia, o Fogar Galego e a Irmandade Galeguista coa publicación da revista Saudade, a singular Vieiros e forxaron, no plano político, a sinatura do pacto Galeuzca, versión 1944; sumado a simbólica posta a trámite do Estatuto de Galicia na sesión das cortes celebradas ao ano seguinte na capital federal. Malia todo, é relevante a publicación do Cancioneiro da Loita Galega, un mollo de poemas honrando aos galeguista vítimas de represión franquista, e chamando á reacción democrática: “Ei, mocidade valente, moi xuntos en baril loita: Por Galiza independente, por rematar a súa coita”. Compromiso.