lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Turismo sostíbel para Compostela

No ADN compostelán están os seus Camiños. Eses Camiños ingleses, francés ou portugués que achegaron centos de milleiros a Galicia e construiron Europa na peregrinación a Santiago. No ADN dos compostelanos está, tamén, a hospitalaria recepción aos que visitan a Cidade, cumprindo o mandato do Papa Calixto II a mediados do século XII, a pouco da morte de Xelmirez e  próximo o apoxeo do reino de Galicia que daría anos despois ao mundo a marabilla do Pórtico da Gloria. Por outra banda, dende a perspectiva de hoxendía, cómpre lembrar que case un 20% do PIB compostelán alicérzase nas actividades turísticas.
 

Porén, a masificacion do turismo de peregrinación ten xerado efectos indesexábeis. Na convivencia cidadá, no custo prohibitivo dos alugueiros para os residentes e nos custos ambientais e de conservación do riquísimo patrimonio cultural compostelán, non sempre axeitadamente promovido nin avaliado. O centro histórico desertizouse de toda actividade comercial que non sexa hostaleira ou de venda de souvenirs. A falla de comercio de proximidade na ámendoa e arredores expulsa da Cidade histórica aos seus habitantes.
 

Esta fin de semana remata a Xornada Europea da Xuventude, que organizou o Bispado e trouxo a Santiago 10.000 mozos e mozas do resto do Estado canda 350 portigueses e uns 600 doutros países europeos. E, malia a longa experiencia desta caste de eventos que ten a Cidade, semella que existiron serios problemas de convivencia entre estes visitantes e moitas persoas residentes. Documéntanse casos de ruídos inadmisíbeis en horarios de descanso, curtes do tránsito no Ensanche e  maltrato ao patrimonio. Polo menos ducias destes rapaces teñen amosado carecer dos mínimos de respecto pola cidade que che acolle e polos seus residentes que constitúen os alicerces de calquera turismo sostíbel. Moitos composteláns teñen dito alto e claro que compre controlar eventos coma éste, que dificultan o desfrute da Cidade polos seus residentes e afastan da mesma ao turismo relixioso, cultural e gastronómico que gasta e que respecta.
 

O debate sobre a dimensión, fasquía e regulación do turismo sostíbel é urxente xa, para Compostela e para Galicia enteira. Sen dúbida haberá que falar da taxa turística, dos límites da accesibilidade a determinados espazos e tamén –e moito– das normas de comportamento para as persoas visitantes. Neste labor a Xunta, o Concello, a sociedade civil e os partidos haberían formular axiña cadansúas propostas. Porque moita  xente está a dicir que  este modelo xa non é sostíbel.

Turismo sostíbel para Compostela

Te puede interesar