Unha Galicia que merece ilusión

Convocáronse as eleccións galegas, para sorpresa de ninguén. Un adianto electoral de varios meses que, a todas luces, amosa tres debilidades. A primeira é a absoluta dependencia que o actual presidente ten dos seus intereses partidistas, e como está a expensas do que o seu partido decida en Madrid para buscar que Galicia sirva de revancha a un Feijóo que aínda non aceptou o resultado electoral das xerais. Por outro lado está a imposible explicación de que un goberno con maioría absoluta, e por tanto toda a estabilidade que precise, teña que adiantar unhas eleccións porque segue sentíndose interino. Por último, pero máis importante, porque as primeiras semanas de campaña serán en Nadal e votaremos na semana de carnaval. Poucas veces vin uns demostración tan enorme de debilidade buscando que non haxa debate por temor a non ter nada que ofrecer.


Por fortuna, Galicia ten agora a oportunidade de pasar esa páxina da resignación e dun sistema burocratizado e lento a causa dun goberno e un presidente que recorren todos os grises do mundo pero que semellan non coñecer outras cores. Vivimos hoxe unha Galicia na que os centros de saúde están máis saturados e con menos recursos que hai unha década, onde se pecharon máis dun centenar de centros educativos, onde o paro se reduce menos que no resto de España e o crecemento económico é menor. Vivimos unha Galicia cunha seria e complexa situación demográfica ante a que non vimos políticas decididas, coma se non importara. Vivimos moita confrontación, si. Tensión permanente e moitas veces inventada contra inimigos externos para, como os malos estudantes, botarlle sempre a culpa aos profesores, ao exame ou a que o can se comeu os apuntes. Pero Galicia non merece iso.


Esta terra é diferente, e ten posibilidades que precisan de decisións comprometidas. Podemos ser unha potencia enerxética de primeiro nivel mundial pois temos vento, chuvia e luz coma ninguén. Temos un país comprometido, con profesionais sanitarios que son punteiros nas súas especialidades alén das fronteiras, con docentes innovadores, con emprendedores que están esgotados de petar nas portas da administración e soamente atoparse papeis e procedementos pero nunca políticos decididos. Temos tanta capacidade de vivir mellor que desbordamos a necesidade de ilusión. Estamos diante desa porta, a que se abre para lanzar todo o que ata o de agora estaba bloqueado. Non se trata de falar de detalles pequenos, senón se atreverse a falar de todo o grande que podemos e merecemos ser. Para iso imos algúns ás eleccións, porque Galicia merece esa ilusión. Adiante!

Unha Galicia que merece ilusión

Te puede interesar