Unha moción de usura

Corren tempos onde a política está mal vista por culpa de moitos casos que ben merecen todo o desprezo do mundo. Con razón existe quen considera que é un espazo escuro e do que non convén fiarse. As corruptelas dos inmorais, as barbaridades fora de lugar que largan constantemente, os que converten todo nunha sucesión de insultos, a ignorancia dos que asumen responsabilidades sen ter nin idea, os que manobran para estar e seguir estando sen preocuparse de facer un traballo que valga a pena, os que cren que os asentos do poder teñen o seu nome, os que perden as formas todos os días...todos merecen a maior das reprobacións.

 

Pero tamén contribúen a esa imaxe a utilizacións das institucións para facer espectáculos indecentes e montar a súa escenografía particular. Esta semana vivimos un feito que, pola súa excepcionalidade, debera ser histórico pola relevante. Unha moción de censura é unha ferramenta extraordinaria, para momentos extraordinarios. Pero o que vivimos esta semana foi un show, un escándalo da ausencia de vergoña na que nos meteron os que pretenden, precisamente, que todo teña mala imaxe. Sen unha política decente gañan aqueles que non queren que exista política, os que desexarían que o poder fose propiedade duns poucos e os que consideran que a súa visión da realidade é insuperable e a única posible. Gañan os que atacan a todo e a todos, os que humillan todo presentando a unha moción de censura a un home que xa tiña defraudado a demasiada xente, que falta ao respecto a todo aquilo polo que un día dixo loitar. O señor Tamames está hoxe entregado aos que considerarían que o Tamames dos anos 60 é un impresentable e merecería ser ilegalizado.

 

Tal tolemia só podía vir dun grupo de nostálxicos embobados consigo mesmos e dalgún desnortado que só pretendeu ter o seu minuto de gloria a base de dicir que o mundo se divide en dous, e que os non comulguen con el son todos indecentes. Un populismo do máis barato.

 

Por isto ante os populismos e a desvergoña non se pode ser indolente nin ambiguo. A ultradereita, que defende sen complexos ideas que non son respectables que atentan contra persoas, que trata de implantar unha visión única do mundo e retirar dereitos a quen non a comparte, non pode seguir manchando as nosas vidas. O triste é que, mentres calquera democracia do mundo occidental co que convivimos ten moi claro que non desexa abrir espazos públicos aos que intentan destrozala dende dentro, aquí vemos como os que pretenden pasar por moderados acabaron calculando o que lles interesa para ter posibilidades de poder. Que triste ver a moita boa xente que hai no PP defendendo que non había motivos para poñerse contra os que queren destruílo todo. Que difícil é velos mendigando o apoio dos ultras, coma quen está atado a unha débeda e ten que arrastrarse e humillarse para pagala. Vox presentou unha indecente moción de censura, pero a actitude do PP foi unha moción de usura.

Unha moción de usura

Te puede interesar