Unir, xuntar, apoiar, crear vínculos

Fai un ano presentamos “As Moiras”, o primeiro colectivo feminista de Moraña, a través das redes sociais e da prensa. A partir de aí foron moitas as persoas do noso concello que se interesaron polo noso proxecto e comezaron a facernos preguntas acerca do noso colectivo.


A nosa resposta sempre foi clara: desde “As Moiras” queremos unir, xuntar, apoiar, crear vínculos... En definitiva, tecer fíos entre nós, as mulleres. Queremos enfiar unha rede na que todas sexamos donas do noso propio destino. Todo isto está ligado co nome deste colectivo, para o que collemos prestado da mitoloxía grega a lenda das Moiras: tres mulleres irmás representadas como fiandeiras encargadas do destino. Quixemos tomalas como referente porque as mulleres, como as Moiras, seguimos tecendo os fíos da vida. Por iso, queremos enfiar agora esa rede, acompañar a cada unha das mulleres, desde a máis pequena ata a máis maior.


Comezamos o noso camiño cun acto de presentación cun multiúsos ateigado, no que contamos co apoio da asociación feminista “O soño de Lilith”, con Daisy, a súa presidenta, como madriña e referente do noso proxecto.


Ao longo deste ano continuamos levando a cabo actividades moi diversas como a recollida de medicamentos en colaboración co proxecto “Furgoneta Solidaria” cuxo destino final era Guinea Bissau; realizamos un ciclo de conversas coa sexóloga Verónica Barros “Na miña conta mando eu!”, participamos e organizamos varios actos en repulsa da violencia machista; en relación co día da muller e a nena na ciencia conversamos con María Silva, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio e o noso próximo acto tivo lugar onte día 7 de marzo, en conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, as 20:00h no Edifico de Multiúsos de Moraña. Inauguramos a exposición fotográfica “Mulleres de Moraña: traballo, Esforzo e Visibilidade” en colaboración con Yolanda Outeda. Esta exposición ten como finalidade visualizar o intenso valor do traballo das mulleres en Moraña. Porque se as mulleres paramos, o mundo simplemente deixa de xirar.


Estamos moi orgullosas das mulleres que fai un ano decidiron autoorganizarse cun obxectivo claro e contundente: traballar pola igualdade. E seguiremos co noso proxecto para concienciar ao conxunto da sociedade de que nos unamos na loita feminista!

Unir, xuntar, apoiar, crear vínculos

Te puede interesar