Aínda que as borrascas, ciclóns e furacáns con nome de persoa síganse empeñando en apagar o firmamento visíbel, esa estrela que desde fai tres anos chámase Rosalía de Castro, centrada na constelación de Ofiuco, a douscentos corenta anos luz da cartografía terreal da nosa autora, é todo un símbolo de visibilidade universal da poeta nacional galega que ten, aquí entre nós, o seu cosmos habitábel na memoria da lingua e da cultura que ela contribuíu a dignificar. Celebrámola.
Cada pobo, cada país conta con símbolos que lle outorgan identidade propia. A de comunidade nacional diferenciada das outras. Velaí o papel do idioma, das bandeiras, dos himnos e das institucións que forman parte esencial do patrimonio colectivo. Tamén a da historia propia, das lendas e tradicións que modelan o imaxinario colectivo; das paraxes singulares, dos monumentos relevantes e dos persoeiros que conforman as iconas nas que se reflicte o ideario e valores da xente. Rosalía de Castro, forma parte destacada dos nosos. É símbolo vivo e actual.
Rebelde, transgresora, militante das causas das mulleres a prol da súa emancipación, persoa que propiciou un tempo de esperanza para valorización e prestixio social da nosa cultura. A súa obra é denuncia da miseria, da pobreza, da emigración masiva e das inxustizas sociais que ela viviu.
Na súa conmemoración, este ano marca un fito no calendario ao rescatar o 23 de Febreiro, data indubidábel do seu nacemento, intuída antes e agora documentalmente probada, para celebrar o Día de Rosalía de Castro, instaurado por iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, seguida por unha manchea de institucións académicas e sociais coa proposta á cidadanía para que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da xente, e moi especialmente pola comunidade educativa. Conmemoración que non é festa baldía se non que busca a reflexión, orientada por un manifesto que sitúe á autora de “Follas Novas” nos tempos de hoxe en día. Así, o noso 23F contribúe a apagar esta data da infausta lembranza daquel frustrado golpe de estado á soberanía popular.
Rosalía de Castro, pronta a expirar no leito de morte, díxolle a súa filla: “Abre esa fiestra que quero ver o mar”. Mais non é posíbel ollar para o mar dende a Casa da Matanza, ao carón da estación de tren padronesa. Non. Porén, nos últimos minutos de vida, a nosa escritora nacional con certeza lembrou o tempo de esperanza que depositara, meses antes, na estadía en Carril, á beira desta ría que se deita en Cortegada, teimosa na súa loita contra o maldito cancro, patoloxía naquela altura histórica sen cura posíbel. A voz independente e rebelde, bandeira e símbolo das mulleres galegas silenciadas, deixou coas súas derradeiras palabras alegóricas á necesidade de deixar entrar ar fresco. Metáfora que é berro pola igualdade, pola liberdade e pola emancipación.