As relacións e a política xa non son o mesmo, en apenas uns anos ambas cousas mudaron, e moito. Alá polo século XX, cando eu comecei nisto da política, ninguén era quen de adiviñar cambios políticos en horizontes menores a catro ou cinco anos. Hoxe as cousas cambian moi rapidamente, as parellas e os votos tamén.
En Vilagarcía nunca perduraron historicamente as maiorías. Nin o todo poderoso Gago foi quen de manter a súa. Dicíase na prehistoria do século XX que as vitorias electorais decidíanse no centro, hoxe decídense do mesmo xeito que se escolle en Tinder.
A pesar do que Alberto Varela e os seus poidan pensar, o electorado é basicamente infiel, elixe por intereses e solucións inmediatas ou porque non atopa parella mellor. É dicir, por descarte. Igual que no Tinder. Poucos votos partidarios permanecen inquebrantables non tempo, igual que as parellas; cómpre polo tanto atraer aos novos socios, unha boa foto de perfil, unha descrición enxeñosa e uns gustos que sempre son o contrario ao que se manifesta.
Hoxe, o goberno local non ten nada diso, nin unha boa foto de perfil, nin unha descrición para sacar peito: cáense ás arbores dos nosos parques, os carrís bici son unha selva de cores que nin se comprenden nin se usan, as obras execútanse a medias e mal, as promesas quedan aparcadas meses ou anos nos caixóns de Ravella. E a vivenda, imposible para a xente do noso pobo.
Por iso a prepotencia non axuda en Tinder, e as reseñas das redes xa non son o que eran. Hoxe o electorado que se citou con Varela esta swipeando a dor, que é algo así como pasar páxina. Polo tanto, na carreira da cita electoral de dentro dun ano está todo aberto. Faría ben o goberno de Varela en analizar correctamente o escenario e non menosprezar a quen poida mellorar ou apuntalar o seu goberno con novas ideas, mellor xestión e polo tanto mellor perfil na rede. Daríalle un consello a Alberto Varela: faite un Tinder, non sexa que non teñas “parella” en xuño do 2023.