Vilagarcía merece recuperar o Premio de Poesía Bouza-Brey

Candidato á Alcaldía de Vilagarcía de Arousa polo BNG.

Ás portas do Día das Letras Galegas, momento é de lembrar a situación na que se atopa a convocatoria do que foi o Premio de Poesía Fermín Bouza-Brey, que acadou prestixio e proxección literaria no ámbito editorial e literario galego malia contar cunha modesta compensación económica e do que xa fican atrás trece anos baldeiros dende a última cita.
 

Recordemos que, tras unha primeira etapa compartida con outros dous concellos (1992-4), a partir de 2001, Vilagarcía convocouno en exclusiva con periodicidade bianual ate 2010, facendo del un certame con destacada participación na que, baixo criterio dun xurado de persoas moi notorias do ámbito académico, foi recoñecida a obra de autores xa relevantes, incluídos David Souto e Xurxo Alonso, vilagarciáns gañadores de sucesivas edicións.
 

Asumo, no meu compromiso político, que é hora de recuperar esta iniciativa cultural. E, por ser de xustiza, ampliar a referencia literaria á Familia Bouza-Brey, denominándoo Premio de Poesía Bouza-Brey, á memoria dos poetas Fermín e Luís (Lucho) e de Gonzalo, fillo do último, promotor do Congreso de Poesía Galega e coordinador do premio ata a súa morte.
 

Vilagarcía é, para a poesía galega, berce destes Bouza-Brey, edición do primeiro poemario galego de posguerra, Cómaros Verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño; e tamén de obra de Xosé María Díaz Castro aos que a RAG dedicou máxima honra nas Letras. Mais tamén, de Xaquina Trillo, Bonifacio Suárez, Blanco Mariño e outros; e, na actualidade, da asociación A Mesa das Verbas. Merecemos que a “cidade de libro” sexa tamén “vila da poesía galega”.

Vilagarcía merece recuperar o Premio de Poesía Bouza-Brey

Te puede interesar