sta semana o goberno local decidía presentar en Castroagudín un documento onde recollía as obras realizadas polo goberno no rural de Vilagarcía. A presentación da propaganda é a demostración de que o goberno de Alberto Varela ten unha vía de auga no espazo rural ao que deixou abandonado durante todo o mandato mentres enchía de cemento todo canto espazo verde quedaba na cidade. Varela vai agora a Castroagudín a lavar a cara e presumindo dunha atención que nunca puxo no rural vilagarcián.
O goberno non engana a ninguén e, visto como actúa electoralmente, nin sequera aos seus. Vilagarcía é hoxe unha cidade de dúas velocidades. Non o digo polos continuos atascos resultado da errónea política da concelleira de Urbanismo. A dobre velocidade ten que ver con dilapidar millóns de euros na contorna da praza de Galicia mentres esquece e menospreza as necesidades da veciñanza do rural. Tampouco é por despiste, é cálculo electoral do alcalde e a súa compañía, que busca poñer da súa parte aos votantes do centro porque son máis. Para os do centro cemento, para os do rural unha foto de campaña. En conxunto, un exercicio do que non debe ser a vida dunha cidade.
As parroquias necesitan atención, precisan solucionar problemas básicos e un mantemento constante máis alá do desbroce anual que coincide coas festas de cada unha delas. Se o goberno non quere prestar eses servizos ou lles resulta demasiado difícil de atender en horario de oficina poderían ter o xesto de baixar os impostos do rural. Por exemplo: un veciño de Bamio ou da Torre paga os mesmos impostos que un negocio millonario do centro aínda que a uns lles recollan o lixo cando sexa e ao outro todos os días.
Ir facerse a foto a Castroagudín supón que Varela está recoñecendo que durante oitos anos foron reafirmando o modelo de Vilagarcía cunhas categorías de primeira, segunda e, tamén, de terceira. Algo que non debería ter pasado e que, desde logo, non pode continuar así no futuro.