O programa Mocidade polo Clima aproba con nota no seu primeiro curso

O programa Mocidade polo Clima  aproba con nota no seu primeiro curso
Máis de 200 alumnos de ESO participaron no Centro Público Integrado de Atios, en Valdoviño, na charla Inspiradores polo clima

Un enxeñeiro industrial e o fundador dunha marca de moda sostible foron os relatores da actividade que acolleu esta semana o Centro Público Integrado de Atios, en Valdoviño, no marco de Mocidade polo Clima. Programa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a súa titular, Ángeles Vázquez, foi a encargada de clausurar a xornada.


Botando a vista atrás, no seu primeiro curso de vida, o 2024-25, xa son máis de 14.000 as rapazas e rapaces que participaron nas diferentes accións postas en marcha baixo o paraugas de Mocidade polo Clima desde o pasado mes de novembro. Para o final do verán, agárdase que sexan case 20.000. Unha cifra que supera as primeiras estimacións que se manexaban na Consellería, e que dan unha medida do seu éxito.


Mocidade polo Clima é unha iniciativa transversal e pioneira que aspira a formar, informar e animar a actuar fronte ao cambio climático a galegas e galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos. Trátase dunha das principais novidades incluídas no II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2024-2030 (PRIEC), a folla de ruta que dirixirá as liñas de acción do Goberno galego a medio prazo para avanzar cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040.


Mocidade polo clima artéllase como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de Educación Infantil ata a universidade; información e divulgación canalizada a través de visitas e eventos con relatores de referencia na materia; e acción pola vía do fomento da participación activa e o compromiso entre a mocidade.

 

Os premios mozo polo clima recoñecerán o talento xuvenil na investigación, a cultura e o arte


No eixo formativo, durante o curso 2024-2025 apostouse polos programas MeteoEscolas e Escolas Verdes polo Clima, adaptados a diferentes franxas de idade e enmarcados no Plan Proxecta para o fomento da innovación educativa nos centros escolares galegos. Como é habitual, este curso tamén se desenvolveu o programa de visitas á Rede de observación ambiental, que permite coñecer instalacións de referencia en materia climatolóxica como MeteoGalicia, o Laboratorio de Medio Ambiente ou algunha das estacións de calidade do aire.


En canto á divulgación, destacan as charlas inspiradoras bautizadas como Inspiradores polo clima. Antes de recalar no centro público de Valdoviño, cunha actividade na que participaron 204 alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, outros inspiradores compartiron as súas experiencias coa rapazada no Liceo La Paz da Coruña, Los Sauces de Pontevedra, o CEE Infanta Elena de Monforte e o Colexio Pablo VI da Rúa.


No caso do CPI Atios, as nenas e nenos puideron escoitar a Coque Alcázar, cofundador da Asociación Slowlight –iniciativa que busca unha iluminación pública sostible e contribuír a reducir a contaminación lumínica; o proxecto, xa a escala internacional, conta con 130 entidades adheridas–; e Óscar Vales, fundador de Vazva e cofundador de We Sustainability –proxecto de concienciación medioambiental, con accións como a limpeza de praias–.

 

 

Balance


En retrospectiva, Meteoescolas acadou este curso un récord de participación, con 42 Meteoescolas seleccionadas –recibíronse case o dobre de solicitudes–, onde máis de 10.300 alumnos e 715 docentes aprenderon nocións de meteoroloxía.


No caso das Escolas verdes, participaron más de 1.100 alumnas e alumnos de sete centros o último curso, de tal xeito que, desde 2019, xa son 10.350 as mozas e mozos (ademáis de 677 docentes) os que participaron. E hai que sumar que máis de 2.200 estudantes, de 77 centros, levaron a cabo visitas tanto á sede de MeteoGalicia como á rede de calidade do aire.

 

O proxecto aspira a formar, informar e animar a actuar fronte ao cambio climático a galegos de 3 a 35 anos


Por último, pero non menos importante, Inspiradores polo Clima chegou a 450 alumnas e alumnos de Secundaria, así como a rapazada de catro centros de educación especial.


Asemade, Mocidade polo clima ten previsto incorporar outras accións, como a primeira edición dos Premios mozo/a polo clima, que servirá para recoñecer o talento xuvenil dándolle visibilidade a iniciativas, proxectos e ideas que xeneren algún impacto climático en Galicia. Haberá premios a mozas e mozos que destaquen nos eidos da investigación, a cultura e o arte, así como no social e o empresarial.

 

 

O seguinte paso:  Van polo Clima


Mocidade polo Clima non pecha por vacacións. Este verán, Van polo clima percorrerá algúns dos principais festivais e eventos musicais de Galicia, así como 15 campamentos de ocio e campos de voluntariado organizados polo Goberno autonómico. Trátase dun espazo itinerante que pretende implicar á mocidade na loita contra o cambio climático a través de información, propostas lúdicas e charlas.


O nome procede dunha furgoneta rotulada –con zona anexa de lecer, xogos e photocall– que percorrerá a comunidade os vindeiros meses, despregando actividades lúdicas, participativas e informativas nunha vintena de puntos da xeografía galega. Van polo Clima tivo a súa estrea oficial no Son do Camiño, un dos festivais máis relevantes de todo o país e que acaba de celebrar a súa sexta edición en Santiago de Compostela.


As rapazas e rapaces que se acheguen terán a oportunidade de participar nun concurso de preguntas e respostas –baixo a premisa Que sabes sobre o clima?– con agasallos para os máis atinados. A zona de lecer, con elementos en 3D creados con materiais innovadores e procedentes da economía circular, creará un espazo de escoita activa e participación, mediante charlas inspiradoras a cargo de referentes en diversas materias. 

O programa Mocidade polo Clima aproba con nota no seu primeiro curso

Te puede interesar