Caldas xa ten todo listo para a sétima edición da Feira Tradicional de, o vindeiro 12 de agosto, terá lugar no entorno do Xardín Botánico e da Carballeira da vila termal. Tradición, historia e música danse a man nunha iniciativa na que participan colectivos e asociacións de toda a localidade.
O alcalde, Juan Manuel Rey, presentou a que será a actuación musical da xornada. Así pois o catoirense Roi Casal será o encargado de poñer a banda sonora o domingo 12 de agosto presentando o seu espectáculo “Son Galego, Son Cubano”. Unha iniciativa dacabalo entre os dous enclaves de ambos lados do Atlántico e que foi presentada no Gran Teatro da Habana no mes de maio de 2016.
De feito, e así o recordou onte o artista catoirense, a xira é considerada unha homenaxe a Neira Vilas que viviu na illa caribeña durante anos. Ademais tamén é considerada unha homenaxe á propia emigración galega en Cuba.
O concerto será a partir das dez e media na Carballeira e a entrada é de balde. Conta coa colaboración do Concello de Caldas de Reis e coa da Deputación de Pontevedra.
Programación festiva
Cabe recordar que a Feira Tradicional de Caldas forma parte da programación festiva que o Concello ten preparada con motivo das Festas Patronais de San Roque. A feira contará con exposicións de época, emulando o Caldas de finais do século XIX e principios do século XX e con mostras de apeiros de labranza, labores e tamén con lugares para gozar dunha boa gastronomía durante toda a xornada na beira do río Umia. l