Medio século de cafés e de vidas compartidas detrás da barra do bar “O Coxo”

Medio século de cafés e de vidas compartidas detrás da barra do bar “O Coxo”
Beatriz Rubianes e a súa nai Milagros Leiro detrás da barra do bar familiar | josé luiz oubiña

Foi un accidente de tráfico que o deixou sen unha das súas pernas cando tiña tan só 22 anos o que levou a Manuel Rubianes e á súa muller Milagros Leiro a ter que pensar nun negocio que fose compatible co seu actual estado. Foi así, froito da necesidade da situación e tamén de certo afán de emprendemento, como o 10 de xuño de 1972 o Bar “O Coxo” abría por primeira vez as súas portas en Godos, en Caldas de Reis. Hoxe, cincuenta anos despois, segue conservando o nome e é a filla dos fundadores, Beatriz Rubianes, é a que se encarga da xerencia do local. “Viron que nun negocio coma un bar meu pai podía traballar igual. Ela estaba na Metalsa e botaba tamén unha man”, sinala Bea. Daquel negocio que iniciaba a súa andadura nos últimos coletazos do Franquismo queda a esencia, pero prácticamente nada daquel local ubicado xusto ao lado da estrada. “Abrírono non só como un bar, senón que era tamén ultramarinos. A típica taberna de aldea á que os veciños viñan a mercar. Primeiro foi nun pequeno galponciño e aínda non existía a carretera. Acababa, de feito, xusto aquí diante”, relata Bea. Ela criouse entre a barra e as mesas e sillas dese bar, ao igual que seus irmáns. “Sendo a pequena parecía razonable e o natural que eu ía seguir co negocio”, apunta. Non se arrepinte, aínda que recoñece que “é esclavo, a hostelería son moitas horas, pero con todo o que aquí escoito poderían terme convalidado a carreira de Psicoloxía”. Explica que “casei moi nova, con 20 anos, e xa quedei aquí”. Antes que ela xa seus irmáns estiveron detrás da barra. “Miña nai xubilouse anticipadamente a consecuencia da asma que se lle agravaba por estar tantas horas aquí no bar, porque antes nos bares fumábase e moito”. O cambio de xeración ao fronte do negocio levou tamén a certo cambio no modo de levalo. “Antes o que viñan eran os veciños daquí. Despois houbo que pechar o ultramarinos porque xa era imposible competir en prezos cos dos supermercados. Agora mudou todo e temos clientela que non é só de Godos”, explica Bea.


A pandemia –que obrigou a “O Coxo” a pechar como a outros tantos bares– tamén mudou moitas cousas. “Por exemplo agora pechamos un día á semana. Antes non o faciamos. Intentamos tomarnos as cousas con máis calma e filosofía. O bar estivera cerrado tres meses e non pasou nada. Iso aprendemos da pandemia”, recoñece Bea Rubianes.


Aínda que recoñece que non lle gustaría que os seus fillos seguisen co negocio cando ela o deixe apunta que “é un traballo duro, pero moi bonito. Iso é certo. Coñeces a moita xente e vives confidencias. Digamos que é coma un periódico a pequena escala. Aquí entéraste de todo”.

Medio século de cafés e de vidas compartidas detrás da barra do bar “O Coxo”

Te puede interesar