A mellor caña de Valga faise en Xanza e Coto e o xurado premia a Casa Comparada pola súa tapa de anguía

A mellor caña de Valga faise en Xanza e Coto e o xurado premia a Casa Comparada pola súa tapa de anguía
A organización preparou máis de 1.400 racións de anguía en seis modalidades diferentes | mónica ferreirós

O parque Irmáns Dios Mosquera acolleu o regreso á normalidade da festa gastronómica máis importante de Valga, a da Anguía e da Caña do País. Centos de persoas achegáronse ata este enclave arousán para participar nun amplo programa de actividades e tamén na entrega dos premios dos concurso convocados con motivo desta cita festiva. Así pois foi a última hora da tarde cando se deu a coñecer a resolución do xurado respecto á mellor augardente de Valga. Na modalidade de Caña Branca o primeiro premio foi para Begoña Sanmiguel de la Torre, de Senín (Xanza) con 400 euros. O segundo foi para José Andres Castro Santos do lugar da Gándara, en Cordeiro.


Na modalidade de Caña de herbas de Caña Tostada o certame foi cousa de dous. José Manuel Rodríguez Cerneira do lugar de Coto (en Campaña) levou os 300 euros do primeiro premio da de herbas e quedou segundo coa súa augardente tostada. Pola súa banda José Manuel Fabeiro Lapido de Cerneira (de Setecoros), gañou os 300 euros da modalidade Tostada e quedou segundo na de herbas. Cabe recordar que foron 25 os diferentes licores que optaban aos premios do certame valgués que vai xa pola súa trixésimo segunda edición.


A anguía foi a outra estrela da festa gastronómica, dado que puido ser degustada polos milleiros de persoas que se achegaron ata o parque Irmáns Dios Mosquera e preparada en diferentes pinchos a precios populares.


Ao longo da tarde tamén se deron a coñecer os locales hostaleiros gañadores do concurso Tapa a Anguía. O xurado profesional decidiu que o Mandil de Ouro fose para a Casa Comparada coa súa receita “Popietas de anguía”. A decisión do xurado popular foi diferente. Nesta ocasión o Bar Pardal co seu “Bocado crocante” recibiu o Mandil de Ouro, mentres que o Mandil de Prata foi para O Pontellón co seu “Bao de anguía” e o de Bronce para a cafetería do Auditorio coa “Anguía ao forno”.


No que respecta ao concurso Embelecer Valga o primeiro premio foi para o Belén Artesanal (300 euros), o segundo quedou empatado entre Vilar e o CRA de Valga con 200 euros cadaún e o terceiro de 100 euros foi para o lugar de Canle. Ademais tamén se outorgou un premio especial de mantemento ao longo de todo o ano para o CRA de Valga de 150 euros.


Ganas de volver

Os valgueses –e tamén visitantes chegados dende outros lugares da comarca– demostraron que tiñan ganas de volver a gozar da súa celebración gastronómica máis célebre. Houbo actividades para os máis pequenos da casa pola tarde e a música foi a outra gran protagonista da xornada. O encargado de dar o pregón este ano foi o gañador do Premio Ferro Couselo, Anxo Rodríguez Lemos.


A música a partir da sesión nocturna foi cousa da orquestra Alkar, que deu paso ao destilado da augardente e degustación gratuíta e tamén aos fogos de artificio. O ritmo non parou ata altas horas da madrugada da man da Orquestra Panorama, que encheu o parque valgués.

A mellor caña de Valga faise en Xanza e Coto e o xurado premia a Casa Comparada pola súa tapa de anguía

Te puede interesar