Sandra Obarrio (Fundación Terra Termarum) | “En Castrolandín nótase unha paz... Para min é un sitio máxico”

A Fundación naceu no ano 2000, liderada polos veciños de Castrolandín, en Cuntis, para poñer en valor o xacemento existente na aldea. Aínda que o conseguiron, recoñecen que “falta traballo por facer”, como seguir descubrindo o que agochan eses castros. Pero para iso, afirman, faise imprescindible o apoio institucional

Sandra Obarrio é técnica na Fundación Terra Termarum. Xa perdeu a conta das veces que pisou o xacemento de Castrolandín, pero o que si recorda é a paz que lle transmite esa terra, da que tanto falta aínda por descubrir.

 

Cal é o seu labor como técnica na Fundación Terra Termarum?
Eu son a persoa que está ó frente. A Fundación ten na súa sede o centro de interpretación, de recepción dos visitantes de Castrolandín, e eu son a persoa que os recibe. A parte, temos un obradoiro de investigación e recuperación da cerámica de finais da Idade do Ferro e eu son a persoa que fai esas reproduccións.

 

E como se fai? Como aprendeu?
A idea xorde a partir das primeiras excavacións de posta en valor do castro de Castrolandín, no ano 2004. A partir deses fragmentos que van aparecendo nas excavacións, xorde a idea de recuperar a cerámica de Castrolandín. Unha vez recuperada, no 2012 amplíase a 24 xacementos da comunidade, para facer unha colección coas pezas máis representativas que aparecen entre o século VIII antes de Cristo ata o I despois de Cristo. Eu son ceramista e restauradora pola especialidade de arqueoloxía e o meu traballo é reproducir este tipo de cerámica.

 

Que tipo de obxectos teñen aparecido en Castrolandín? 
En todas as excavacións sempre aparecen moitísimos anacos de cerámica. Quizáis é o material que máis aparece. Despois, moitos outros obxectos de bronce, de ferro, contas de colar de pasta vítrea, fíbulas... Hai que pensar que Castrolandín é o típico castro cunha sociedade basicamente campesiña e de aí a cantidade de muíños de man que aparecen. E todo o que se atopa ó arredor dános a entender como vivirían os habitantes de alí.

 

"Esta Fundación foi pioneira, porque son os veciños os que a lideran. É como levar a arqueoloxía á xente de a pé"

 

Onde podemos ver eses obxectos?
A exposición de cerámica está agora mesmo no museo do pazo Quiñones de León, en Vigo, que se inaugurou o 17 de outubro e estará ata o 17 de novembro. E despois, no Centro de Interpretación da Fundación, si que temos reproduccións e interpretacións de como sería a cultura material de Castrolandín. Alí pódese ver unha pequena mostra desa exposición. E todo ese material está depositado no Museo Provincial de Pontevedra.

 

Como describiría, para alguén que nunca estivo alí, o castro de Castrolandín? Que ten de especial?
Desta Fundación o máis salientable e no que foi pioneira, é que a lideran os veciños de Cuntis e da aldea de Castrolandín, para a posta en valor do xacemento. É como levar a arqueoloxía é xente de a pé. É un proxecto comunitario. O salientable que ten Castrolandín é que, aínda que é unha aldea pequerrechiña, á hora de explicar, incluso para escolares, podemos ver perfectamente como están conformados ese tipo de poboados, como eles fan esa transformación do terreo. A un simple golpe de vista somos capaces de velo: onde constrúen ese foso, ese parapeto, onde está a croa, as cabanas... Polas últimas excavacións que se fixeron sábese que na zona cara o val está chea de estruturas, que estamos pendentes da súa cronoloxía para saber se realmente son coetáneas ou non. O xacemento é do século IV antes de Cristo ata finais do I-II despois de Cristo, cando o abandonan e baixan cara o fondo do val, cara Cuntis.

 

E cre que está suficientemente posto en valor?
Hai traballo por facer. É certo que as institucións deberían apostar máis por este proxecto porque leva dende o ano 2000 e estamos sempre avalados polo CSIC. Nese sentido, aínda que hai un padroado, outras institucións si que deberían apoialo.

 

Que actividades se fan desde a Fundación para promovelo?
Visitas guiadas para escolares, para grupos organizados, obradoiros de cerámica... E o todo o que está relacionado co obradoiro de cerámica serve de vía de difusión do que é este proxecto.

 

As visitas hai que concertalas?
O xacemento está aberto ó público pero si que para grupos organizados hai que poñerse en contacto con nós.

Terra termarum patronato
Parte do equipo da Fundación, con Obarrio —segunda pola esquerda—, nunha mostra sobre cerámica castrexa  | cedida

 

E como vai a rehabilitación da sede nova para a Fundación?
Está aí, parada. Este ano parece que se está avanzando pero cando se vai cambiar, non sabemos.

 

Non sei se sabe ou xa perdeu a conta das veces que estivo no castro.
Unhas cantas. A parte é un sitio moi especial.

 

Por que? Que lle gusta del?
Gústame a tranquilidade. Este tipo de poboados sempre están situados en sitios estratéxicos e transmiten unha serie de vibracións. En Castrolandín si que se nota unha paz. Para min é un sitio máxico, e no San Xoan é algo...

 

Como é?
O San Xoan é unha tradición que se recupera cando se constitúe a Fundación, no ano 2000. O que se fai non é inventado, é algo que se facía. Faise unha fogueira na croa e colócanse arredor do parapeto 52 ramos polas 52 semanas do ano. E cada ramo leva sete piñas. Despois, ás 12 da noite préndese a fogueira e queda ese círculo de lume... É realmente espectacular. Cada ano vén máis xente e, de feito, houbo anos que foi necesario facer un cribado. Ademais hai que pedir permisos a Patrimonio e deixámolo todo coma se non tivese pasado nada.  E nese momento, cando se sube despois do San Xoan... Son outras vibracións... Eu percíboas. De feito entre nós, despois do San Xoan dicimos “feliz ano”, porque é unha forma de pechar o ciclo. 

Sandra Obarrio (Fundación Terra Termarum) | “En Castrolandín nótase unha paz... Para min é un sitio máxico”

Te puede interesar