As introspeccións pictóricas de Fernando Quintela saen ao exterior

A sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía acolle dende o 19 de xuño e ata o 24 de xullo a mostra pictórica “Introspección”, asinada por Fernando Quintela. Os seus cadros de gran formato poderán verse na súa primeira mostra individual
As introspeccións pictóricas de Fernando Quintela saen ao exterior
Fernando Quintela no taller permanente que ten na súa casa | GONZALO SALGADO

Fernando Quintela di que comezou a pintar cando naceu a súa filla, hai 31 anos, pero o certo é que este vilagarcián sempre tivo dentro ese recuncho artístico que quería si ou si darse a coñecer. Unha inquedanza que pronto se convertiría en paixón e na que comezaría a camiñar da man do artista Guillermo Pedrosa. “Con el dei os meus primeiros pasos nisto”, sinala Quintela. Agora, xa xubilado, bota horas no taller que ten na súa casa. É aí donde naceron parte das obras que o público poderá ver a partir do 19 de xuño na súa primeira mostra individual, “Introspección”, na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilagarcía. Por que este título? O propio autor o explica. “Cando pinto sempre mostro nos cadros algo, non todo, do que teño dentro. Sinto que esas cousas as podo expresar a través da pintura”, explica.


Como artista xa ten participado en mostras colectivas e recoñece que hai unha evolución na súa técnica motivada, en moitas ocasións, polo espazo que tiña dispoñible para pintar. “Empecei co óleo. Daquela vivía nun piso e tiña que montar e desmontar todos os días. Agora que vivo nunha casa xa teño o meu propio espazo e é unha gozada. Pouco a pouco funme pasando ao acrílico, á técnica mixta”, sinala. Acompañado da súa música pintar sérvelle para evadirse, para pensar e reflexionar. “Pasan as horas voando”. 


A súa obra é colorida e inspirada, segundo el mesmo di, nas cores do solpor que de toda a vida vía dende o peirao de pasaxeiros da cidade. “Eu quedaba marabillado e algo diso quedou aí”, declara. Agora confésase totalmente “enganchado” a unha arte que o fai manterse activo. 


Na exposición que poderá verse ata o 24 de xullo veranse máis de vinte obras de gran formato. “Collinlle o gusto a pintar cadros grandes”, di. Indica que “xente que coñecía que pintaba e á que lle gusta a miña obra pois animoume a expoñer. Eu ao principio era un pouco reticente, porque facelo un só sempre impón un pouco”.


Será na sala de exposicións dun Auditorio en donde as introspeccións de Fernando Quintela se darán a coñecer ao resto do mundo. Non será, en todo caso, a única parada dalgunha das obras deste xa artista vilagarcián, que tamén aportará o seu gran de area á exposición ArtSorey que se celebrará tamén no mes de xuño no Pazo Torrado de Cambados. Unha axenda repleta de boas propostas artísticas. 

As introspeccións pictóricas de Fernando Quintela saen ao exterior

Te puede interesar