As Letras Galegas por adiantado no ximnasio de Fontecarmoa

As Letras Galegas por adiantado no ximnasio de Fontecarmoa
Un momento da clase I MÓNICA FERREIRÓS

Non é a primeira vez que o personal de Serviocio, empresa que xestiona o complexo deportivo de piscina e ximnasio de Fontecarmoa, dan mostra de implicación e humor. Nesta ocasión, foi co gallo das Letras Galegas. A profesora Chus, da clase de Harmony, acudiu vestida co traxe tradicional. Ademais, armada cunha pandeireta, percorreu a sala de máquinas durante un anaquiño, animando a mañá.

 

 

 

Por outra parte, no marco da programación organizada pola Concellería de Cultura, o Auditorio Municipal acolle mañá o Festival Escolar das Letras Galegas, a partir das 11:00 horas. Nel participan 150 alumnos dos CEIPs A Lomba e o seu anexo, o C. Educación Especial, e os IES Armando Cotarelo Valledor e O Carril. Os estudantes levan todo o mes preparando diferentes actividades con motivo do 17 de maio, que representarán xunto a profesores e familiares.

En total haberá oito actuacións diferentes, que van dende baile e música ata teatro e demais propostas. Por exemplo, os alumnos do Armando Cotarelo presentarán as cantigas que prepararon a semana pasada nun obradoiro impartido por Gustavo Couto Rodríguez, mestre de baile tradicional.
 

O obxectivo desta actividade é tender lazos entre os centros, compartindo a experiencia e o proceso de creación das propostas presentadas.

 

Máis actividades

A maiores desta acción, pola tarde, a partir das 20 horas, o C.A.D. Gato Negro do Carril acolle a presentación do libro de poemas "Meridiano orixe", de Andrea F. Maneiro. Pola súa parte, no Salón García haberá unha representación teatral a partir das nove da noite. Trátase de "Aquí as fabas, a caldeiradas", de Abázcaro Teatro, con entrada de balde ata completar capacidade.
 

Está recomendada para maiores de 16 anos e fala de Mariña, unha rapaza que está nerviosa porque ten que formalizar a súa relación ante a familia: "Motivos para estalo non lle faltan porque os seus pais, e sobre todo Aminda, a súa avoa, non tolera ben as visitas...", explican dende a compañía.
 

O sábado, as actividades céntranse no Carril a partir das 11 horas, con pasarrúas, actuacións de baile, música e a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro (12:30h).
 

 

 

As Letras Galegas por adiantado no ximnasio de Fontecarmoa

Te puede interesar