Os asistentes á visita aos Ballotes do sábado deberán levar unha pequena lanterna

Os asistentes á visita aos Ballotes do sábado deberán levar unha pequena lanterna
Os petróglifos de Bamio I GONZALO SALGADO

Os asistentes este sábado á visita guiada nocturna aos petróglifos dos Ballotes precisarán levar unha pequena lanterna, segundo informan dende a organización da II Romaría Lombos do Ulla. Este festa, que se celebra a partir das 13:00 horas na praia do Campanario, en Bamio, é totalmente de balde. A romaría naceu o ano pasado para poñer en valor este espazo natural, así como para reivindicar o coidado da ría. Detrás desta cita cultural están as asociacións ‘Galicia Fermosa’, ‘Mulleres Rurais de Bamio’ e ‘Aldea Global’, ademais do propio Concello.

A primeira actuación da xornada corre a cargo do grupo de gaitas de Bamio "A Queimada"; a continuación será a quenda de Antón Reixa, que levará a cabo un recital poético; tamén actuará "Aturuxo na Codeseira", e o grupo "Otero e Romero" dende O Grove, que presenta ‘Enxebre’. O compositor Magín Blanco estreará o seu espectáculo "Percorrido", un repaso pola súa carreira musical. O teatro infantil dos Quinquilláns entreterá aos máis pequenos cunha obra sobre a razón pola que a auga do mar é salgada. Finalmente, tamén estará "Factoría de Subsistencia" e o grupo compostelán "Roberto Sobrado", que cantará temas propios e versións.

 

Punto de encontro

A partir das 22:30 horas comezará a visita guiada aos petróglifos, na que non é necesaria a inscrición previa e non hai un número máximo de participantes. Os interesados deberán achegarse ao punto de quedada na praia cunha lanterna de pequenas dimensións, mesmo as incluídas no teléfono móbil xa son suficientes. Alí entregaráselle uns calcos sobre as figuras, que os axudarán a identificar mellor cada unha das pezas.

Está actividade, que xa se realizou noutras ocasións, gozou sempre de moi boa acollida entre veciños e visitantes. Ademais, o espazo dos Ballotes foi recentemente intervido pola empresa A Citania Arqueoloxía, que localizou novos gravados con motivos xeométricos. O xacemento ten especial relevancia dada a cantidade de debuxos que a forman e a singularidade de que estean tan concentrados no espazo.
 

Os asistentes á visita aos Ballotes do sábado deberán levar unha pequena lanterna

Te puede interesar