“Bardos”, radiografía da realidade e memoria escrita da historia do Bouza-Brey

Alumnado colaborador do último número da revista “Bardos” e a súa directora, Isabel González, co exemplar número 82 | gonzalo salgado

Foi no ano 1980 cando o mestre de Literatura Española José Ramón Alonso de la Torre decidiu poñer en marcha no instituto de Fontecarmoa (como así se chamaba o Bouza-Brey naquela época) unha pequena revista estudantil na que o alumnado puidese expresarse e compartir talentos e inquedanzas. Foi así como naceu “A miña voz”, o xerme do que anos máis tarde (no curso 85-86) sería a revista “Bardos”. A publicación con ese nome que conserva ata hoxe nacía da man dun profesor de Historia e novelista, Miguel Suárez, que era tamén o director do centro educativo. Sacáronse dous números e a revista non volvería a ver a luz de novo ata o curso 89-90 con xente do departamento de Xeografía e Historia que quixo recuperar a iniciativa. O nacemento do instituto Cotarelo Valedor no curso 91-92 levou a eses mestres a abandonar Fontecarmoa, pero a semente de “Bardos” xa estaba plantada. O mestre de Matemáticas Roberto Vidal segue adiante co proxecto e saca o sexto número. O resto –o que aconteceu a partir do curso 93-94 con esta publicación– xa é cousa da profesora de Lingua Galega e Igualdade, Isabel González Avión. Ela foi a promotora e directora de “Bardos” dende o seu número 7 e ata o 82 que saiu hai tan só uns días.

“82 números e un especial que se fixo do ano da Memoria”, puntualiza Isabel. Ela conserva todos e cadaún dos números de “Bardos” e recoñece que a reconversión do instituto Bouza-Brey nun centro integrado de Formación Profesional “vai complicar moito a súa continuidade”. Ela –nai da publicación durante os 29 anos que deu clase neste instituto– non seguirá no instituto o próximo ano, dado que nel desaparecen as Humanidades ao deixar de impartirse a ESO e o Bacharelato. “É certo que a “Bardos” naceu nun instituto que era de Formació Profesional, pero o FP daquela tiña asignaturas de humanidades, non coma o de agora”, recorda. De feito sinala que “a xente que facía a revista daquela eran uns auténticos máquinas, xente moi ilusionada e iso notabase”.

Isabel González está convencida de que o alumnado que participou ao longo de todos estes anos na “Bardos” supera o millar. “Temos casos de pais que escribiron nesta revista e que agora foron os fillos os que o fixeron. É algo bonito”, apunta. Ela conserva unha colección particular con todos os números da “Bardos” e hai outra na biblioteca do centro, que coa reconversión será sometida a obras. “É por iso que se decidiu que toda a colección sexa doada ao Museo Pedagóxico de Galicia, para que quede alí e se conserve”, manifesta Isabel.



Algu00fans dos nu00fameros conservados da revista u201cBardosu201d  g. salgado




Radiografía da realidade



O certo é que non só Vilagarcía, senón toda a comarca do Salnés ten moito que agradecerlle a “Bardos”. Foi nas súas páxinas en donde se empezou a publicar unha das seccións con máis éxito: A da banda deseñada. Foi tal a súa popularidade que os equipos de normalización lingüística de Arousa optaro por facer un produto único con este xénero, a “Enormic band”. Isabel González recorda que “é un proxecto nacido no Bouza-Brey, nacido en Bardos”. Non era esta a única sección con éxito. “Fixemos moitísimas entrevistas a personaxes importantes”. Así pois polas súas páxinas pasaron personalidades como Luis Rei, Xabier Camba ou Marcela Santórum. “Era unha sección para achegarse á historia da comarca e a personaxes interesantes”, explica Isabel.


A “Bardos” tivo durante anos unha sección de debate aberta á participación de toda a comunidade educativa do Bouza-Brey. “Había un buzón no que a xente podía deixar a súa opinión sobre temas que soían ser polémicos coma o tabaco, sexualidade, sobre o botellón, sobre as chuletas nos exames”, recorda a directora da revista. E non só iso, senón tamén cuestións históricas que ao longo de máis de 40 anos foron acontecendo tanto en Galicia coma no resto do mundo. As guerras, a catástrofe do Prestige ou incluso o debate sobre a entrada na OTAN tiveron o seu oco nas páxinas da revista. A radiografía de varias xeracións plasmadas sobre o papel. “É o valor da palabra escrita, que perdura, que aí queda”, reflexiona Isabel González. De feito recorda o detalle de que “a revista sempre pediu a gritos ser publicada” pese ás “horas e horas de traballo que leva sacala á luz”. Páxinas e páxinas cheas de talento e de reflexións que, segundo Isabel, “mostran o talento que encerra un centro de Secundaria”. Talento que perdura. Recorda Isabel que o pasado inverno morreu unha antiga alumna do centro e “fixémoslle unha pequena homenaxe recuperando poemas que escribira na revista. Era de altísima calidade”. Coa dúbida da súa continuidade “Bardos” pecha, iso si, unha época. Pero, como ben di Isabel González, “a palabra escrita perdura”. E aí queda o seu legado. l

“Bardos”, radiografía da realidade e memoria escrita da historia do Bouza-Brey

Te puede interesar