Carril espera repartir 3.000 quilos de ameixa "á mariñeira" e activa tamén a venda "on line"

A popular festa gastronómica celebrarase os días 9 e 10 de agosto e contará con Carlos Blanco como pregoeiro
Carril espera repartir 3.000 quilos de ameixa "á mariñeira" e activa tamén a venda "on line"
A presentación tivo lugar na praia do Portugalete, con vistas á illa de Cortegada | MÓNICA FERREIRÓS

Carril espera repartir arredor de 3.000 quilos de produto na que é xa a trixésima edición da súa Festa da Ameixa. A celebración terá lugar na contorna da Alameda da localidade os días 9 e 10 de agosto e, por primeira vez, a organización activa (en colaboración directa co Concello) a venda "on line" para facilitar as compras e evitar grandes colas para adquirir os boletos de forma presencial.

 

A programación completa foi presentada este xoves polo patrón maior da Confraría, Javier Quintáns, e por membros do goberno local como o alcalde, Alberto Varela, e o edil de Turismo, Álvaro Carou. Foi o responsable do Pósito o que sinalou que, un ano máis, se servirá ameixa xapónica, dada a pouca cantidade que hai da babosa. "Será coma o ano pasado, cociñada á mariñeira. Esperamos que para o ano, se as cousas van ben, xa poidamos servir babosa", manifestou. Iso si, mantéñense os prezos. A ración de ameixa servirase a 12 euros. "É unha festa de exaltación do produto e por iso mantemos o prezo, porque é para promocionar á ameixa máis que nada", sinalou o patrón.

 

A venda "on line", coa que se poderán obter os boletos con anticipación a través da web ticket.vilagarcia.gal, non sustitúe en todo caso á presencial. O día 9 pola mañá na Praza de Galicia (de 10 a 14 horas) poderán comprarse os boletos nun posto colocado expresamente para iso. O mesmo día da festa, o 10, as taquillas estarán abertas dende as 10. "A xente nova móvese máis no entorno online, daí que quixeramos engadir esta fórmula tamén", matiza Quintáns.

 

A programación

As festas arrancan en todo caso xa o sábado ás cinco coa gran Regata de Vela Latina. Ás 21.30 será a entrega dos premios do concurso de fotografía da Ameixa e ás 22 horas terá lugar outra das grandes novidades da edición, a degustación a prezos populares dunha gran paella xigante cociñada polo chef Miguel Mosteiro. A ración terá un custo de 5 euros e conterá ameixas e berberechos de Carril. A esa mesma hora comezarán as actuacións musicais a cargo de D´Crooners Band.

 

O día grande é o domingo 10. A partir das 11:30 empezarán os pasarrúas a cargo de Os Xirifeiros de Carril e ás 12 na Alameda, e co pregón do humorista local Carlos Blanco, arrancarán oficialmente os actos coa entrega de diferentes distincións. Neste mesmo marco actuará o gaiteiro carrilexo Cristian Silva e arredor das doce e media dará inicio a tradicional degustación. A organización prevé repartir arredor de 8.500 ou 9.000 racións. "Depende moito do clima", sinalou cauto o patrón. Para as dúas da tarde está programada a actuación de Pablo Balseiro and The Verbenian Orquestra. 

 

"A mellor ameixa do mundo"

O alcalde, Alberto Varela, presumiu de entorno na presentación da festa gastronómica e sinalou que "non é discutible que a de Carril é a mellor ameixa do mundo". De feito convidou tanto aos vilagarciáns como aos que non o son a gozar deste produto local e tamén de toda a programación ideada expresamente pola organización dende a Confradía carrilexa. "Temos un entorno envexable", sinalou.

Carril espera repartir 3.000 quilos de ameixa "á mariñeira" e activa tamén a venda "on line"

Te puede interesar