A experiencia da mobilidade en Vilagarcía e, por derivación, do novo modelo de cidade, foi obxecto dun relatorio no 21 Congreso Ibérico da Bicicleta, que esta fin de semana reuniu en Santiago de Compostela a técnicos, expertos e políticos de distintos puntos de España (Madrid, Cataluña, País Vasco, Valencia, Galicia...) e Portugal.
En concreto, a concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María Mochales, presentou unha ponencia titulada "Vilagarcía de Arousa: si hay que ir, se VAI!", en clara referencia ao programa de mobilidade que actúa como programa paraugas para outros plans específicos: Vaibús! (tarifa plana de autobuses urbanos), Vaibike! (servizo de préstamo de bicicletas); Vaiapé! (metrominuto); Vaicar! (rede de aparcamentos disuasorios); e Vaischool! (rede de camiños escolares seguros, que inclúen o Bico&Vai!)
Ademais de explicar iniciativa por iniciativa, a concelleira tamén se referiu aos principios xerais que inspiran todas as políticas municipais para facer unha cidade máis humana e accesible: impulsar a mobilidade a pé, en bici ou en transporte público; gañar espazo para a cidadanía: o centro urbano como ágora; calmar e reducir o tráfico rodado: non consiste en eliminar o coche, senón en fomentar un uso racional; promover a seguridade dos nosos maiores; e aumentar a autonomía da infancia e a adolescencia. Uns valores e obxectivos que, como se puido comprobar ao longo dos tres días de análise e debate, están en sintonía non xa co que recomenda ou reclama Europa, senón co que están facendo as principais cidades da península ibérica.