A relación de Isabel Varela coas viñas non comezou ata que casou. Nese mundo en contacto directo coa vide nas fincas da casa descubriría un traballo que gustaba de facer e que, co paso dos anos, rematou por ser o medio de vida da familia, tras unha progresiva pero decidida adquisición de terras ata completar as catro hectáreas das que hoxe saen colleitas para a venda a unha cooperativa. Unións Agrarias, sindicato no que milita desde hai unha década, propuxo a súa candidatura ao Premio 8 de Marzo que a UGT Pontevedra convoca cada ano polo Día da Muller Traballadora. Neste 2022, o galardón foi para ela, ao ver na súa figura “un exemplo da afouteza e dignidade das traballadoras do sector Primario”.
Como reaccionou ao saber da concesión deste premio?
Quedei sorprendida, moi contenta. Nin mo imaxinaba, dende logo.
A súa relación coas viñas comeza case que coa súa voda.
Pois a historia vén de aló polo 1998. O meu marido era canteiro e meu sogro adicábase ao agro. Entón, o meu home traballaba tamén as fincas da casa. E eu comecei así: Para axudarlle un pouco a conciliar o traballo que el tiña, empecei eu a involucrarme na terra. Foi unha actividade que sempre me gustou, estar ao aire libre. Xa no ano 2012, dixémonos, “ben, agora, ou quedamos quietos, ou comezamos en serio con isto”. Así arrincamos. Púxenme como autónoma, empezamos ampliar terras, ata as catro hectareas actuais, pouco a pouco, nós os dous.
É un traballo duro? Da ben para vivir?
Se tes cantidade (de terras), como estamos nós agora, ou de aí para diante, sacas un soldo para vivir. É un traballo que da un pouco de liberdade, é dicir, se non vas hoxe, podes ir mañá. Esa independencia axuda a conciliar o traballo coa casa, cos fillos, con todo. Agora ben, o traballo hai que facelo, precisa horas. Non é dicir, “pois hoxe non vou e maña tampouco me apetece”.
A súa candidatura foi proposta por Unións Agrarias, central da que é afiliada. Que tal a experiencia estes anos no eido sindical neste sector?
Efectivamente, levo dez anos afiliada e podo dicir que é unha boa experiencia. Se sae algún curso de formación avisan e sempre están aí para calquera trámite, papeleo ou problema.
Como ve o papel das mulleres neste sector?
Nestes últimos anos, está cambiando. Agora as mulleres comezan a invoucrase algo máis. Antes tal vez se vía isto como algo máis de homes. Por exemplo, se o que se requería era manexar un tractor, pode que a sociedade vira antes a muller como máis fráxil. Agora non, agora isto está a cambiar, porque se ve realmente que nós podemos.
E a mocidade? Hai relevo na terra?
Pois véxoo complicado. Aínda que é certo que o mundo do viño está un pouco en auxe nestes últimos anos, a xente ve isto como un traballo, ao mellor non escravo, pero sucio. E quizais á mocidade gústalle andar máis de roupa nova. “Eu estou a estudar”, din. Claro, pero non todos poden, senón isto, o sector Primario, acábase. E del dependemos todos.
E que se pode facer para que máis mozos poidan atopar nisto un medio de vida?
Non sei. Pode que máis axudas. E máis información e formación.
A quen adica o premio, por certo?
Este premio déronmo a min este ano, pero vai para todas a mulleres que realmente traballan no sector. E en todo, porque, ao final, todas somos mulleres traballadoras.