Leo Bassi regresa ao Festaclown, que estrea selo identitario en Vilagarcía

Leo Bassi regresa ao Festaclown, que estrea selo identitario en Vilagarcía
Diario de Arousa-2019-07-24-007-2085a94b

Xusto o ano da súa quinta edición o Festiclown muda á denominación de Festaclown para consolidarse como selo propio en Vilagarcía. O gran festival do humor e do clown desembarca na capital arousá un ano máis con motivo das festas patronais dende o 17 ao 21 de agosto. E faino cunha programación de primeiro nivel que encherá de música, espectáculo e, sobre todo, moito humor, as rúas de Vilagarcía.

O italiano Leo Bassi, un dos grandes da comedia europea e máis aló do continente, é a cabeza de cartel dun festival no que xa estivo nunha edición anterior. Bassi participará no Festaclown por partida dobre. Primeiro será o mestre do Taller de Bufón que se desenvolverá os días 19 e 20 de agosto no Auditorio Municipal en horario de mañá e tarde. As inscripcións para os interesados poden formalizarse en info@festiclown.org.

Non será a única participación de Bassi nesta quinta edición tan especial. De feito todos os que se acheguen a Vilagarcía o día 21 ás nove da noite no Auditorio terán a oportunidade de asistir á estrea de “Yo, Mussolini”, o último traballo do italiano sobre os escenarios. Bassi explicaba onte por Skype durante a presentación do evento que este espectáculo nace “a raíz del auge de la extrema derecha, tanto aquí en España como en otros países y en Italia más que en ningún sitio”. Así pois Bassi utiliza a figura de Mussolini, “nadie mejor que él para explicarlo”, para “desmontar el fascismo”. O propio bufón sinala que é un espectáculo que convida á reflexión, pero tamén ao optimismo. “Tienen contradicciones profundas y se desmontan fácilmente”. Convidou a ver este espectáculo “en directo”. De feito as entradas xa se poden adquirir por 8 euros en venta anticipada na plataforma eventbrite.com.

Moito máis que Bassi
O que si é certo é que o Festaclown vai máis aló de Leo Bassi e caracterízase polo seu compromiso social, político e ideolóxico. O sábado 17 haberá unha xincana pola igualdade con O Soño de Lilith e Arousa Moza. Ese mesmo día, ás 12 do mediodía, será a inauguración oficial do festival que, durante toda a xornada, ofrecerá espectáculos a cargo de Muu (ás 13 horas na Praza da Independencia e ás 20 no Castro); Kote Malabar (ás 19 en Rey Daviña) e Miguel de Lucas ás nove e media na Praza de Galicia.

O domingo 18 será a exposición “O riso para nós” de Amencer e Con Eles (ás 11 na Praza de Galicia); Patty Diphusa continuará (ás 13 na Independencia e ás 19 en Rey Daviña). Sempre Arriba actuarán ás 20 horas na Praza do Castro e o espectáculo circense moderno que está arrasando de Vol´e Temps pechará a xornada (ás 21.30 na Praza de Galicia).

O festival continúa o 19 con Pallasos en Rebeldía cos nenos do campamento de verán ás 11 na Praza de Galicia. Xusto despois no Centro Lar estará Rudi Dudi e Píscore, os gañadores do Certame Intergaláctico aquí en Vilagarcía, estarán ás 13 horas na Praza de Galicia é ás 20 horas no Castro. Assircopatas (19 horas en Rey Daviña) e Mireia Miracle (21.30 na Praza de Galicia) poñen o broche ao día.

Na xornada do martes 20 haberá unha actuación especial de Piratas da Arousa con Clámide, Amencer e Con Eles na Praza de Galicia ás 11. O Mago Teto é outra das atraccións do día (ás 13 horas na Praza de Galicia e ás 20 no Castro) mentres que Isla Letriska (19 horas en Rey Daviña) e Aimar & Cía (21.30 na Praza de Galicia) poñerán a cor á parte final.

O mércores 21 os Pallasos en Rebeldía volverán á Praza de Galicia nesta última xornada do Festaclown. Leo Bassi, despois de dirixir o obradoiro, dará unha charla ás 12 no Auditorio sobre “El teatro como herramienta política” e polas diferentes prazas e rúas da localidade desfilarán compañías recoñecidas no mundo do clown como Cía Vaya ou Kanbahiota, que porán o broche de ouro a unha cita que prometer sumar máis edicións nos vindeiros anos.

Leo Bassi regresa ao Festaclown, que estrea selo identitario en Vilagarcía

Te puede interesar