Lina Solla: “Non pode ser que sexa máis fácil atopar mexillón nunha carta en Madrid que aquí”

Lina Solla: “Non pode ser que sexa máis fácil atopar mexillón nunha carta en Madrid que aquí”
Lina Solla foi proclamada presidenta do Consello Regulador o día 13 de novembro | josé luiz oubiña

Foi elixida presidenta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia o mesmo día que se facían 18 anos do accidente do Prestige. Lina Solla inicia esta nova etapa vital e profesional apelando precisamente á unión que mostrou o mundo do mar naquela catástrofe medioambiental. Propietaria da depuradora cambadesa Linamar sustitúe ao rianxeiro Francisco Alcalde ao fronte dunha entidade cun bo listado de retos por cumprir.

É vostede a primeira muller presidenta do Consello Regulador do Mexillón. Este é un sector fortemente masculinizado e de feito ata hai pouco non se vían mulleres nas asambleas...
Teño que dicir que a min o sector sempre me tratou moi ben e nunca me sentín discriminada por ser muller e, se o fun, non me enterei. Eu estou moi segura de min mesma e igual iso é unha vantaxe porque sempre digo o que penso.
 
É unha muller empresaria, pero nunca estivera nun cargo deste tipo. Por que agora si era o momento de dar o paso?
Dar o paso? Eu non quería. Lévanmo pedindo moito tempo e eu dicía que non. Eu teño moito que agradecerlle a este sector. Sempre digo que eu son o que son grazas a eles, cos seus defectos e coas súas virtudes. Cando Fran Alcalde mo propuxo dixen un non rotundo, pero despois eu era a única persoa que xeraba un consenso entre todas as partes. Sentinme moi querida polos produtores, pola parte conserveira... Foi cando dixen: “Pois veña, si”. Sei que vai ser un traballo duro, pero débollo a todos.

Aparte é a primeira vez que a persoa que ocupa a presidencia do Consello non é do sector bateeiro...
Esta era a única DOP de España que estaba dirixida polo sector produtor. Normalmente sempre o fai a parte da comercialización porque si, podes certificar o produto no muelle, pero se as depuradoras non poñen o selo... de pouco vale. Certifícase moito en porto, si, pero... Canto diso chega ao consumidor? Temos que poñer todos da nosa parte e entrar no selo.

A DOP é o emblema do Consello Regulador, pero quedan cousas por facer. Cales son os retos inmediatos?
Eu teño moitas ideas que quero aplicar sempre co consenso do Pleno do Consello. Eu creo que é prioritario que entre a xente que non está e cambiar a calidade do produto que se certifica. Temos que facer da DOP a excelecia e do resto do mexillón galego, pois tamén gañarlle en calidade. Segundo o meu punto de vista baixo o paraugas da DOP teñen que estar todos os produtores e empresas de Galicia. Despois pois haberá mexillón DOP catro veces ao ano e logo o outro, tamén de calidade, ao que haberá que buscarlle un nome, pero de Galicia. Ese tamén hai que vendelo. Eu son das que pensa que o mexillón galego é o que se recolle dende Sada ata Baiona e que se etiquete como “Mejillón de España” doe. A min dóeme moito velo.

O certo é que o tema da etiquetaxe e a controversia que iso xera chegou aos tribunais...
Eu creo que para chegar ao xulgado temos tempo. Son da opinión de que as cousas hai que defendelas pelexando e dialogando nesta mesa do pleno. Todo o tempo que levo eu falando co sector -que son moitos anos- e con aqueles que non están dentro dicíanme explicábame eses motivos e eu creo que podemos chegar a acordo.

O Consello apostou estes últimos anos por I+D. Vai seguir esa liña?
Creo que incluso fai falla máis I+D. Necesitamos máis apoio nese camiño. Creo que temos o mellor produto do mundo, pero que existen certos problemas coa cría, co desplome en certas épocas do ano e creo que é algo que hai que estudar e saber o porqué das cousas. Investir tempo e tamén recursos. O sector bateeiro move a moitísima xente directa e indirectamente por iso hai que chegar á raíz dos problemas que teñen no seu facer do día a día.

Ademais das cuestións como a certificación ou a calidade do produto, o Consello Regulador sempre se posicionou en cuestións de calado como foi a loita contra a Mina de Touro ou, no seu día a Lei de Acuicultura...
No que respecta á Mina de Touro téñoo claro. Eu de todo o que contamina o mar vou estar sempre en contra. No tema do posicionamento que se adoptou coa Lei de Acuicultura non estou totalmente dacordo. Penso que tiña partes boas, non todas, evidentemente, pero penso que se tería que ter debatido e dialogado naquelas cousas que non gustaban. En Galicia fainos falta unha Lei de Acuicultura porque vivimos disto, do mar.

Cal cre que debe ser a relación coa administración?
Boa, creo que vai ser boa. A conselleira é unha persoa á que eu respeto moito e que di as cousas claras. Creo que imos ter moi boa relación e que vai axudar moito no Consello.

A promoción é unha pata fundamental para dar a coñecer o mexillón da DOP e galego fóra, aínda que agora corren malos tempos para as feiras e degustacións en congresos...
Eu creo que temos que facer campañas máis flexibles que poidamos sacar en determinadas épocas do ano. Outras iniciativas como a de “Batéate” de Opmega parécenme fabulosas. O que está claro é que temos que vender o noso mexillón. Como facelo? Pois a min gústame a idea de ofrecer receitas, concursos, apostar por introducir os produtos nos máis cativos... Por exemplo conseguir que nos comedores escolares haxa mexillón alomenos unha vez á semana, valorizar así o noso produto. É moi curioso que haxa máis opcións de ver nunha carta dun restaurante de Madrid mexillóns que nun restaurante galego. Creo que iso pasa porque non se valorou durante moito tempo o produto o suficiente e iso ten que cambiar, temos que traballar para que cambie.

Lina Solla: “Non pode ser que sexa máis fácil atopar mexillón nunha carta en Madrid que aquí”

Te puede interesar