Luis Rosales | “O impacto deste festival é internacional. Xa é un feito”

Luis Rosales | “O impacto deste festival é internacional. Xa é un feito”
Diario de Arousa-2018-10-18-008-829dae18

Sexa cal sexa a hora na sala Rivas Briones sempre hai alguén gozando das exposicións que neste 2018 trae aparelladas o Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada. Ou “Curtas”, para abreviar. O éxito xa constatado das mostras “fantásticas” augura que o festival propiamente dito, que arranca mañá e se prolonga durante nove días, baterá novamente récord de asistencia. Camiñamos co seu director, Luis Rosales, á cociña desta cita cultural que xa se ten convertido nun referente a nivel galego. E sumando.

O Festival de Cine é un dos decanos en Galicia, pero é certo que anos atrás non pasou polo seu mellor momento. Agora parece que empeza a recuperar a saúde...
Pois estamos mellor que cando empezamos, pero aínda queda un longo camiño por diante. Eu creo que o primeiro que necesitamos é profesionalizalo. Agora mesmo somos un equipo de voluntarios os que traballamos para sacalo adiante, pero se queremos seguir medrando iso ten que mudar. Son meses de intenso traballo, de noites sen durmir. Eu penso que o futuro pasa por conseguir que, alomenos nos días que dura o festival, poder ter contrato para a xente que colabora.

Canta xente fai posible que isto poida levarse a cabo?
Pois o núcleo duro somos tres. Agora coa proximidade do festival xa se foron incorporando máis e somos en torno a unha ducia de persoas. Tócanos implicarnos porque facemos de produtores, de proxeccionistas, de encargados dos invitados... Iso implica sacarlle tempo á familia e esas cousas.

Canto tempo leva preparar un festival destas características?
En realidade no festival levamos traballando dende novembro pasado, dende o remate da edición anterior. Entre que decides a temática e pensas nas liñas a seguir leva o seu tempo. A finais do  ano xa arrincamos co certame de relatos. Realmente estás traballando todo o ano, por iso insisto en que é importante que a xente se sinta gratificada.

Este ano apostouse polo mundo fantástico de sagas como “O Señor dos Aneis” e “Xogo de Tronos”. Cal foi o motivo?
O ano pasado cando arrincamos coas exposicións houbo xente que nos propuxo de facer algo sobre O Señor dos Aneis e a verdade era algo que levabamos barallando dende hai tempo. Hai moita xente afeccionada ao rol e á fantasía e pensamos que podería funcionar. Ademais coincide co aniversario do falecemento de Tolkien e co aniversario do estreno de “O retorno do Rei”. Cando empezamos a buscar para dotar de contido a exposición démonos conta de que moitas das pezas ou non existen, ou están descatalogadas ou están en mans de coleccionistas. Foi dificilísmo. Ao final houbo que fabricar algunhas pezas e conseguir outras que fosen o máis fieis posibles ás películas. Foi aí cando decidimos ampliar a expo e meter tamén a Xogo de Tronos.

Na exposición atópanse logo verdadeiras xoias...
As cinco exposicións que temos lévanse case a metade do presuposto, arredor de 15.000 euros. Non foi sinxelo. Por exemplo, temos dous portfolios descatalogados de John Howe que conseguimos localizar en Wisconsin.Temos a armadura da Guardia Blanca, que é unha auténtica marabilla, o Trono de Ferro que foi feito en expreso para aquí e as espadas que son as oficiais de HBO. O argonauta que está abaixo tamén se fixo in extremis.

E no festival non podemos esquecer o cine. Gran éxito de participación...
Recibimos máis de 4.000 obras. O nivel é moi alto. Nótase a repercusión que estamos tendo a nivel internacional. Incluso tivemos a loucura de convidar a Guillermo del Toro, que ao final non pode vir. Teremos mañá (por hoxe) a Macarena Gómez, que fai un esforzo tremendo por estar aquí.

E este ano introducese a competición o apartado de “documentais” e tamén o de “videocreación”, que leva o nome de Roberto Camba...
O premio co nome de Roberto Camba é a nosa forma de homenaxear e recordar ao que foi un dos dinamizadores culturais máis importantes de Vilagarcía. Toda a movida musical que se fixo nos 80 en Vilagarcía tiña a súa sinatura. Por exemplo, o “Asalto Rock”, el estaba detrás. Ademais, e é algo que non todo o mundo sabe, era un gran fan da videocreación e da tecnoloxía aplicada ás artes gráficas. Gañou varios certames, incluído este. O apartado de documentais introducímolo porque pensamos que o labor do documentalista debe ser recoñecido tanto a nivel de denuncia social como de dar a coñecer outras culturas.

O apoio das administracións é tanto como quereriades?
O noso orzamento é de 48.000 euros. As administracións implícanse bastante, pero aínda así non é suficiente. Temos un impacto en redes, en medios e a nivel internacional constatable. Eu creo que as administracións deberían pór nunha balanza o que ofrecemos e o que ofrecen outros e elixir e apostar forte.

Luis Rosales | “O impacto deste festival é internacional. Xa é un feito”

Te puede interesar