Un total de 40 composicións florais compiten este xoves na gran Festa dos Maios de Vilagarcía. É unha das festas tradicionais con máis arraigo na capital arousana e esta arrancará ás 11:30 horas no Parque Miguel Hernández. En caso de choiva trasladarase a celebración á Praza da Peixería, como xa ten pasado en edicións anteriores.
Tal e como figuraba nas bases todos os inscritores recibirán como agasallo unha rosca, mentres que os galardóns en metálico dependerán do número de participantes e de se inclúen ou non no seu repertorio unha pequena cantiga.
No concurso promovido dende a Concellería de Cultura puideron anotarse tanto personas a título individual (foron 6), como colectivos (1), colexios (2) e Anpas (5). Nesta ocasión haberá 14 participantes con diferentes composicións. Hai cinco modalidades posibles dos denominados maios: cónico, artístico, cruz de maio, caixa e barco. Cada inscrito pode presentar unha creación por cada categoría, se así o desexa.
Dende o Concello recomendaron - co obxectivo de ser fieis ao criterio de sustentabilidade- a utilización de materiais naturais e tradicionais na confección das estruturas e que se evitase na medida do posible o plástico e o metal. Aqueles que presenten unha letriña terán que interpretala sobre o escenario que se montará no mesmo parque.
As creacións deberán permanecer expostas todo o día, ata as 20.30 horas. O Concello retirará as dos grupos que así o solicitaron na ficha de inscripción unha vez remate o acto. Os demais deberán facelo polos seus propios medios.