martes 19.11.2019

Moraña sinala que investiu 645 euros por veciño en diferentes obras e infraestruturas

O Concello de Moraña asegura que este ano se vai acadar un invsetimento por habitante de 645,3 euros, o que supón unha “cifra histórica e récord” ao pecharse xa o plan de infraestruturas e obras de 2018 con 2,74 millóns de euros.


“Se dividimos todas as obras e infraestruturas desenvolvidas, en marcha ou recentemente conseguidas entre os 4.246 habitantes do noso concello obtemos un dato moi importante, de case 650 euros por veciño, que nos permitirá actuar en todas as parroquias e case todos os servizos para mellorar, e moito, e súa calidade de vida”, explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
A rexedora revelou estas cifras durante unha visita á pista de San Martiño de Gargantáns, que vai ser unha das cinco melloradas no treito final do ano xunto coas de A Penagrande e O Casal (Laxe), Sabadín (Saiáns) e A Igrexa (Lamas) cunha partida de 130.000 euros do Plan Concellos.
Piñeiro explicou que todos estes investimentos “foron conseguidos con moito esforzo, capacidade de xestión, ideas e proxectos para situar ou manter os servizos e as infraestruturas de Moraña no máximo nivel da comunidade galega” e quixo poñer en valor a contía “xa que habitualmente só cinco ou seis municipios conseguen superar a barreira dos 600 euros de investimento por habitante e sempre referíndonos ás cifras de liquidación orzamentaria, que son as que arroxan o balance definitivo do ano”.
Neste senso, e tras recalcar que a práctica totalidade dos concellos galegos se moven habitualmente nuns parámetros de entre 100 e 400 euros por veciño, a alcaldesa salientou que os investimentos deste ano, que dan continuidade aos de exercicios anteriores, “demostran que estamos a traballar en moitas áreas e xestionando en todas as direccións para conseguir as mellores infraestruturas, prestacións e servizos para os nosos cidadáns”.
A rexedora conservadora aplaudeu que se poidan mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños de Moraña grazas á xestión que se realiza dende a administración local. l

Comentarios