“Non ten nada de radical ensinar nas escolas que que unha muller ame a outra é normal”

“Non ten nada de radical ensinar nas escolas que que unha muller ame a outra é normal”
Ángela Rodríguez “Pam” na exposición do Festivala | mónica ferreirós

Ángela Rodríguez “Pam”, Secretaria de Estado de Igualdad


A Ángela Rodríguez gústalle que lle chamen “Pam” e asegura que sempre está aberta a responder todas as preguntas que se lle formulen. Esta pontevedresa de 33 anos é unha ficha clave no Ministerio de Igualdad que preside Irene Montero e sente Vilagarcía e a comarca do Salnés “tamén como a miña casa”. Por iso estivo nos actos do Festivala e ofrecendo no Faiado da Memoria unha charla para falar sobre as cuestións máis actuais das políticas do seu departamento e resolver dúbidas.


Anos xa de goberno e traballando en diferentes leis e hai xente que aínda di que o Ministerio de Igualdad non é necesario...

A día de hoxe non hai ninguén en España que non coñeza este Ministerio e penso que estamos sacando adiante medidas que mudan a vida das mulleres deste país. Se iso pasa é porque está fóra de toda dúbida que este Ministerio é necesario.


As cifras de mulleres vítimas de violencia machista son estarrecedoras ano tras ano, os datos están aí... pese a iso existe ese runrún sobre as denuncias falsas...

Os datos das memorias da Fiscalía ano tras ano o que din é que esas denuncias falsas non chegan ao 0,1% das totais en materia de violencia de xénero. O ano pasado, de feito, non houbo e iso é un dato moi relevante. O único que significan eses bulos é a reacción machista ante os avances dos dereitos das mulleres.


Falando de bulos un que se extendeu moito é ese de que agora fai falla firmar un contrato ante notario para manter relacións sexuais, ao fío da recente aprobación da lei do “solo sí es sí”...

Todas as persoas que mantemos relacións sexuais sabemos cando ese outra persoa quere e iso non se amosa nun papel nin nun contrato. É un bulo ridículo. O problema é que durante anos moitos homes deron por feito que podían ter as relacións sexuais que quixeran sen saber realmente se a outra parte estaba dacordo. E se unha persoa non quere ter relacións sexuais e aínda así esta se produce, iso é unha agresión. Creo que é algo sinxelo de entender no práctico e é importante que as mulleres poidan recuperar esa capacidade de decidir cando queren ter relacións sexuais.


É curioso que en pleno 2022 haxa que explicar o que é o consentimento e que cada vez haxa datos de casos de violencia machista entre xente máis nova. Están fallando as campañas ou non se está dando esa educación en igualdade?

Eu penso que é unha mestura de ambas cousas. A iso, dende a miña opinión, hai que engadir a normalización do machismo por parte do PP ou de Vox, que constantemente cuestionan a necesidade de medidas que protexen a igualdade. Eu creo que o feito de que o PP votara hai dous días en contra da Lei de liberdade sexual é un dos motivos polos que moita xente nova normaliza a existencia da violencia machista. Porque ven a líderes que teñen que ser importantes como Núñez Feijóo –ao marxe das nosas diferencias ideolóxicas– que están votando en contra desas leis. Eu creo que ese é un problema gravísimo. Hai cinco anos iso era impensable, que o PP votase en contra de leis así. Por iso penso en serio que a este ritmo Núñez Feijóo vai facer feminista a Mariano Rajoy. A min é algo que me preocupa porque creo que sexas de dereitas ou de esquerdas ou incluso se non che interesa a política hai que ter clara a loita contra a violencia de xénero.


Parece que hai xente preocupada porque se faga educación en igualdade... De feito houbo sectores claramente posicionados en contra de falar diso nas aulas...

É curiosa esta reacción e é probablemente porque ata agora non se fixo nada igual. Eu creo que non estamos dicindo nada radical cando falamos de que queremos que nas escolas se nos ensine que tratar ben está ben e tratar mal está mal. A quen lle molesta que se ensine isto nunha escola? A quen lle molesta que se diga que unha muller ame a outra muller é normal? É evidente que ás persoas que somos LGTBIQ+ ou que defendemos os seus dereitos non nos molesta. Moléstalle á xente que ten privilexios a consta de que teñamos que estar escondidas na casa. Eu só digo que levar iso ás escolas é unha cuestión de avance social e de dereitos da infancia, nin sequera de decisións do Estado.


Outra lei controvertida é a denominada “Ley Trans”. Hai moitísimas feministas en contra, algunas que tempo atrás compartiron loitas co Ministerio de Igualdad, pero que agora non comparten algunhas das cuestións que figuran no articulado desa lei...

É lexítimo que poida haber debates, pero o que non é debatible é que os dereitos das persoas trans son dereitos humanos. Esta lei é moi necesaria neste país. Cando Zapatero aprobou a Lei de matrimonio igualitario dixo que ampliaba as posibilidades de felicidade da cidadanía e isto é o que tamén vai facer esta lei. No 2005 saíron milleiros de persoas ás rúas a dicir que era unha barbaridade, que que un home se puidese casar con outro era equiparable a que un ser humano o fixese cun animal. A día de hoxe ninguén dubida desa lei, salvo catro radicais de Vox. E penso que vai pasar o mesmo coa Ley Trans. O que é tremendamente inxusto é que se siga tratando ás persoas trans como enfermas e mudar iso é algo democrático que hai que facer.


Opinar sobre a Ley Trans hoxe en día nas redes sociais, por exemplo, é enfrontarse –dun lado e do outro– a ataques... Hai liberdade para dar opinión sobre isto? Hai personaxes públicos que incluso tiveron que cerrar contas de Twitter por ataques...

Creo que non é nada positivo que cando alguén expresa a súa opinión o que teña a continuación sexan ataques violentos. Hai quedefender unha cultura democrática na que expresar as nosas opinións e as nosas discrepancias e que non se reproduzan por iso dinámicas violentas. A propósito de polémicas xurdidas nestas últimas semanas por críticas a programas de humor como Estirando el Chicle por levar a unha ou outra entrevistada eu penso que non podemos olvidar que as cómicas e o humor son unha cousa moi diferente a, por exemplo, escribir un artigo académico na universidade. Outra cousa é que concordemos ou non con determinadas entrevistadas, pero as agresión son sempre incomprensibles.


Unha muller trans debe competir nas categorías deportivas femininas?

As mulleres trans levan anos competindo en diferentes deportes. Quen establece as normas nese sentido son os propios comités olímpicos e federacións deportivas. O noso respecto a esas normas e ás súas competencias. Iso si, eu quero facer unha reflexión... Parece que non nos importa que as persoas trans formen parte da sociedade ata que son visibles ou incluso gañen. Por que nos molesta que as persoas trans estean nas competicións deportivas? E particularmente sempre se fala de mulleres trans. Eu aí vexo, ademáis de transfobia, moita misoxinia.


Nesta política de escaparate e de foco máximo na que sempre se está no punto de mira... esíxeselle máis a unha muller en política que a un home?

Absolutamente. Todo o tempo hai un escrutinio sobre as nosas vidas, sobre o noso aspecto físico, sobre a nosa forma de falar e bo exemplo diso é o que pasou estes días atrás coa primeira ministra finesa, algo que non se xulgaría cun home.

“Non ten nada de radical ensinar nas escolas que que unha muller ame a outra é normal”

Te puede interesar