Se hai un lugar en Vilagarcía no que -dende hai anos- se preserva a tradición e a cultura galegas ese é a asociación Nós de Sobradelo. Nesta entidade cunha longa traxectoria ás súas costas xa hai tempo que coñecen ás Tanxugueiras, polo que o fenómeno que agora se desatou tras a súa participación no Benidorm Fest non os colle por sorpresa. Iso si, na asociación viveuse a preselección eurovisiva con moita ilusión e non é para menos. O responsable da coreografía de “Terra” e bailarín, Fran Sieira, é mestre de Nós de Sobradelo dende hai tres anos. “Non só é mestre de baile, senón tamén de canto e pandeireta”, explica a secretaria da asociación Rosa López.
Moi completo e, sobre todo, “moi profesional”. Tan só dous días despois da final do Benidorm Fest Fran Sieira estaba dando clase en Sobradelo. “Quixeron facerlle unha pequena homenaxe porque nos fixo moitísima ilusión velo alí e sabemos o moito e ben que traballa”, explican. De feito para Sobradelo é “todo un orgullo” ter un mestre “desta calidade”.
A pandemia e o feito de que Vilagarcía é un terreo fundamentalmente castelán falante e no que a cultura galega se limitaba a pequena asociacións na vila fixo que entidades como Nós de Sobradelo perderan alumnado nestes últimos anos. Algo que o fenómeno Tanxugueiras parece que está a mudar. “Na última semana recibimos algunha chamada de xente que quere vir a probar e recibimos iso con moita alegría. Creo que é un bo momento para darlle impulso á música tradicional e que a xente se anime a recuperala. Aquí en Sobradelo temos as portas abertas”, explica Rosa López.
Tanxugueiras sonaba en esta asociación desde hace tiempo. “Son un referente e dá gusto velas. Son novas e teñen moitísima presenza no escenario. En concreto Aída Tarrío baila súper ben”, indica Rosa. Algunhas das rapazas de Nós xa se atreveron a practicar e reproducir o pase de baile que a tanxugueira de Aguiño protagonizou en Benidorm e que agora se ten convertido nun reto viral de Tiktok.
“A expectación coa súa participación no festival foi tremenda. Ese día ardía o grupo de wasap. Fíxonos moitísima ilusión. É como se nós estiveramos alí”, explica Rosa.
A foliada da que falan as Tanxugueiras en “Terra” ben podía ser a que anos atrás facían en Sobradelo, un enclave donde o galego e a cultura teñen unha presenza máis que destacada.